
O PSdeG de Mugardos trasládalle ao secretario general de Industria a importancia dos futuros proxectos vinculados ás enerxías renovables no municipio
O voceiro socialista en Mugardos, José Ángel Martínez Bardanca, reuniuse co secretario general de Industria y PYME, Raül Blanco, para tratar os futuros proxectos industriais no municipio.
O portavoz socialista explicoulle ao representante do Ministerio de Industria os dous proxectos de empresas mugardesas relacionados con enerxías renovables. “Pedímoslle ademais que o Ministerio avance nestas dúas iniciativas, pola súa importancia económica e industrial, ademais do positivas que resultarían para a transición ecolóxica”, explica Martínez Bardanca.
Dunha banda, tratouse o proxecto de Forestal del Atlántico, que busca construír unha planta de metanol verde no municipio. Baixo o nome de “Triskelion”, a iniciativa convertería a Mugardos nun referente neste sector.
“Trasladeille a importancia deste proxecto para Mugardos, onde se realizaría un forte investimento que xeraría numerosos postos de traballo”, explica o socialista.
Na xuntanza, tamén se abordou o proxecto de Reganosa, que proxecta unha planta de hidróxeno verde nas Pontes. “A empresa mugardesa continúa crecendo e ampliando a súa actividade, o que permitiría aproveitar a conxuntura dun crecemento industrial nas comarcas”, expresa o voceiro socialista.
“A industria é esencial para Mugardos, igual que para o resto da comarca. Por iso agradecemos o interese do Ministerio de Industria nos nosos proxectos”, engade o portavoz socialista na vila.
Malia as iniciativas proxectadas por estas dúas empresas da vila, o representante socialista en Mugardos lamentou a falta de iniciativa do goberno local por favorecer e consolidar a industria no municipio.
“O Partido Popular, dende o goberno local, non está fomentando a formación ou atraendo novas empresas, a pesar da súa importancia para fixar poboación e atraer talento mozo”, finaliza Martínez Bardanca.