
O PSdeG de Touro denuncia o abandono da piscina municipal e reclama o seu arranxo
O PSdeG de Touro lamenta o estado no que se atopan as instalacións da piscina municipal de Touro e reclama ao goberno local o seu mantemento.
“A propia cidadanía trasladounos as queixas do lamentable estado da nosa piscina, cuxo mantemento é responsabilidade do goberno local”, sinala Gemma López, voceira socialista de Touro.
Entre as deficiencias da instalación inclúense os asentos rotos, as escaleiras da piscinas frouxas e os sanitarios están avariados. “Tamén se deberían de habilitar espazos con sombra, que actualmente non existen. Ademais, a instalación segue sen contar cunha piscina infantil”, sinala a voceira.
“Esixímoslle ao goberno local do Partido Popular que realice os traballos necesarios para que a cidadanía de Touro poida gozar da piscina municipal coidada, especialmente dadas as vagas de calor que sufrimos”, engade a voceira.
Neste sentido, a socialista explica que o mantemento dos espazos e instalacións públicas “do noso municipio debe ser unha cuestión prioritaria”. A voceira tamén fai referencia á “lamentable imaxe que proxectamos cando se abandona un mantemento mínimo desta instalación, ademais de que poñemos en escaso valor os nosos espazos de lecer e saúde”.