Bernardo Fernández advirte “das graves consecuencias para 30.000 familias da provincia da Coruña” da decisión da Xunta de anular a tarxeta básica

O secretario xeral provincial dos socialistas da Coruña, Bernardo Fernández, lamenta que a Xunta de Galicia “amose unha vez a súa forma de actuar e de pensar coa súa decisión de anular a tarxeta básica, sen preocuparse polos colectivos más desfavorecidos da nosa sociedade”.

“Non é o momento, vivimos nun momento moi complicado e a decisión da Xunta afectará a unhas 30.000 familias da provincia”, engade Fernández, que demanda ao executivo liderado por Alfonso Rueda que “recapacite e recupere a tarxeta básica, que facilita aos beneficiarios a compra de alimentos e productos de primeira necesidade”.

Os socialistas da provincia únense desta maneira ás críticas a esta decisión chegadas desde toda Galicia. De feito, o PSdeG rexistrará varias iniciativas e levará ao pleno do Parlamento este tema, co obxectivo de que a Xunta recupere de maneira inmediata a Tarxeta Básica.

“A tarxeta básica tivo un custo de 31 millóns de euros no ano 2021; o goberno galego dispón de recursos suficientes e só ten que ter vontade política para continuar coa protección das persoas máis desfavorecidas”, apunta o secretario xeral provincial.

Os socialistas demandan tamén celeridade á hora de activar a posta en marcha en Galicia de medidas que forman parte do escudo social, en concreto o bono aluguer xoven (de 250 euros), “que financia por completo o goberno do Estado e que a Xunta publicita como actuación propia”.

Algunhas novas relacionadas