Antonio Leira, reelixido coordinador comarcal dos socialistas en Compostela

Antonio Leira foi reelixido coordinador do PSOE na comarca de Santiago, co obxectivo de preparar o partido de cara ás próximas eleccións municipais.

A elección de Antonio Leira, concelleiro do Concello de Oroso e deputado provincial, fíxose pública nunha reunión coa presenza do secretario de Organización da Agrupación Provincial Socialista da Coruña, Diego Fernández, e os alcaldes de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; Ames, Blas García; Oroso, Luis Rey; e Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, xunto a voceiros e representantes das agrupacións locais da comarca.

“Quero agradecer a confianza da militancia e das agrupacións da comarca, agora toca estar ao carón da xente e dos seus problemas”, afirma Leira, “como facemos nos concellos onde gobernamos e tamén coa nosa postura responsable desde a oposición”.

Leira traballa xa co horizonte das eleccións municipais de maio de 2023, co obxectivo “de revalidar as alcaldías, conseguir algunhas novas e aumentar a representación socialista en todos os concellos”.

“Traballarei con ilusión e responsabilidade, moi preto de todas as agrupacións e dos nosos veciños e veciñas, buscando solucións para os problemas do día a día”, engade.

Algunhas novas relacionadas