O PSOE Provincial da Coruña organiza unha nova reunión de traballo en Santiago para explicar as deficiencias do plan de transporte público da Xunta

A Agrupación Provincial Socialista da Coruña organizou unha reunión de traballo en Santiago co obxectivo de explicar a representantes dos concellos da comarca compostelana os problemas e deficiencias do Plan de Transporte Público da Xunta de Galicia.

Patricia Otero, deputada socialista no Parlamento de Galicia, e Antonio Leira, deputado provincial e coordinador comarcal do PSOE en Santiago, lembraron as numerosas queixas de usuarios e usuarias, así como de colectivos e concellos no relativo ao funcionamento do servicio público de transporte por estrada: atrasos e reducións de frecuencias horarias, supresión de servizos sen previo aviso, falla de publicidade de horarios, falta de prazas nos autobuses, anuncios de melloras incumpridos.

Desde hai semanas, o PSdeG advirte que Partido Popular está tentando desviar o foco de atención ante o seu desleixo absoluto nesta materia, empregando as mentiras e falsas verdades ante a filtración que se produciu do borrador do novo Plan de Transportes Estatal.

No caso da comarca de Santiago, nos últimos meses rexistráronse numerosas queixas polas conexións de concellos como Oroso, Brión ou Negreira con Compostela.

“É preciso que a Xunta de Galicia revise as queixas que está a recibir a diario e que saiba dunha vez por todas que existe un problema, iso é o primeiro paso para poder solucionalo, xaque é difícil atopar unha solución cando os que teñen que resolvelo non recoñecen os problemas e as eivas coas que se atopan os usuarios e usuarias”, afirmou Otero.

Algunhas novas relacionadas