O PSdeG de Touro lamenta que o goberno local non teña un compromiso firme coa infancia durante todo o ano

A Agrupación Socialista de Touro lamenta a inexistencia de iniciativas para a infancia por parte do goberno local do Partido Popular. “Durante todo o ano esquecen as necesidades dos cativos e cativas, pero onte celebran unha actuación polo Día do Neno, aparentando un compromiso coa infancia que non existe durante o resto do ano”, explica a voceira socialista Gemma López.

Segundo recalcan os socialistas, a actividade “non estaba pensada para a rapazada: celebrouse onte, domingo ás 20:30, cando os cativos/as déitanse cedo e as nais e pais teñen que ir a traballar ao día seguinte”.

Ademais, os socialistas lamentan que o goberno local non explique que a actividade está financiada nun 75% pola Deputación da Coruña. “Dos 3.811 euros que custa, o Concello de Touro apenas a porta 952 euros, pero presumen da súa iniciativa coa mocidade”, engade a voceira.

“É moi positivo realizar actividades coa rapaza de Touro, pero o compromiso coa infancia debe ser constante durante todo o ano”, explica Gemma López. Neste senso, a voceira socialista recorda que o goberno local do PP negouse a implantar axudas ao ensino e ao transporte, medidas de conciliación, actividades extraescolares ou melloras na biblioteca.

“Non ten sentido presumir un día ao ano de compromiso cando o Concello de Touro rexeita abrir a piscina todo o ano, fomentar actividades nas parroquias, defender o servizo de pediatría ou dotar de recursos á escola infantil”, finaliza a voceira.

Algunhas novas relacionadas