
Os socialistas de Irixoa agradecen “o compromiso da Deputación co concello” polo proxecto de mellora do trazado da DP-3903, que conecta o municipio con Vilarmaior
Os socialistas de Irixoa agradecen o compromiso da Deputación da Coruña co concello polo proxecto para ampliar e mellorar a estrada DP-3903, un vial moi transitado que conecta o municipio con Vilarmaior.
“Foi unha demanda que lle fixemos desde o PSOE á Deputación, é unha actuación moi necesaria para ampliar a plataforma da estrada e renovar o trazado, sinuoso e perigoso nalgunhas curvas”, apunta María José Cal, portavoz dos socialistas de Irixoa.
A Deputación da Coruña anunciu hoxe un investimento de 962.248,75 euros para levar a cabo a primeira fase do proxecto de ampliación dun tramo desta estrada provincial DP-3903.
Nesta primeira fase actuarase no tramo comprendido entre o PQ 4+640 e o PQ 6+490, que corresponde á saída do núcleo de Vilamateo.
A institución provincial explica que os traballos consistirán na ampliación da calzada, pasando dos catro metros actuais de ancho a oito metros con carrís de 3,5 metros de ancho e beiravías de 0,5 metros. Ademais, mellorarase a intersección existente cunha vía municipal no PQ 6+100, onde se aproveitará tamén para facer unha mellora puntual do trazado.
“Os veciños pedían máis seguridade desde hai tempo, eliminando determinados puntos negros na estrada e suavizado algunhas curvas, xa que falamos dunha estrada de moito tránsito”, engade María José Cal.