O PSOE de Touro leva de novo ao pleno a demanda dun maior control municipal da actividade e xestión dos residuos da empresa T.E.N.

Os socialistas de Touro levaron de novo ao último pleno municipal a creación dunha comisión de seguemento da actividade e xestión dos residuos da empresa T.E.N., que xestiona os terreos da antiga mina.

“Non é a primeira vez que falamos deste tema en pleno, pero botamos en falta o compromiso do grupo de goberno e do alcalde, Ignacio Codesido, cos intereses da veciñanza; non vale de nada asentir coa cabeza e despois non facer nada”, afirma a portavoz do PSOE, Gemma López.

“Ten que opoñerse e criticar a situación que está a vivir a veciñanza causada polos cheiros ocasionados pola empresa”, engade López, que lembra que “o alcalde prometeu seguementos e controis continuos, análises técnicos do tipo e as cantidades de refugallos depositados pola empresa nos terreos da antiga mina, e a adopción de medidas necesarias para a eliminación dos olores… pero non fixo nada”.

Os socialistas esixen polo tanto “a creación dunha comisión de seguemento da actividade e xestión dos residuos da empresa T.E.N., na que participe toda a corporación municipal, e a eliminación dos cheiros mediante o investimento necesario e suficiente por parte da empresa”.

“Demandamos tamén a realización dunha auditoría ambiental e controis trimestrais da actividade empresarial coa comunicación posterior en pleno a esta corporación municipal por parte do alcalde, que será o responsable de esixir este control á empresa”, rematan.

 

Algunhas novas relacionadas