Os socialistas de Mugardos denuncian o fracaso na execución dos orzamentos municipais de 2020

No pleno extraordinario de debate e aprobación dos orzamentos de 2022, o portavoz do partido socialista de Mugardos, José Ángel Martínez, destacou que o goberno de Juan Domingo de Deus do PP “foi incapaz de executar os investimentos aprobados nos orzamentos de 2020”. As inversións previstas inicialmente supoñían un importe superior aos 900.000 euros, porén, unha grande parte dos proxectos están sen executar.

Segundo explican os socialistas, o concelleiro de Facenda, Miguel Mahía, anunciou en 2020 a ampliación da EIM As Lagoas, a adquisición dun novo vehículo para a policía local, a habilitación do espazo para o aparcamento no CPR Loyola, o equipamento do pavillón polideportivo, as actuacións de aforro enerxético na iluminación ou a adquisición de novos equipos informáticos para a axilización e dixitalización dos procedementos administrativos.

Porén, “ningún destes investimentos foron executados no ano 2020, nin no 2021, nin a data de hoxe xuño de 2022”, denuncian os socialistas de Mugardos.

Ademais, José Ángel Martínez lamenta que o goberno do Partido Popular de Juan Domingo de Deus perdese a subvención de 240.000 euros para reparar o mercado de San Telmo. “Os gastos desta reparación inclúense agora nos orzamentos de 2022, que teremos que pagar co diñeiro de todos os mugardeses, en vez de estar subvencionada”, sinala.

Ente outras cuestións para destacar José Ángel Martínez tamén sinala que non se cubriu ningún dos 7 postos de emprego vacantes. “Trátase de 7 prazas para traballos de limpeza que tanto demanda a poboación e que o goberno local do Partido Popular nin sequera comezou a tramitar”, explican os socialistas.

Algunhas novas relacionadas