Os socialistas destacan “o impacto moi positivo dos catro anos de goberno de Pedro Sánchez na provincia da Coruña en investimentos, emprego e dereitos para a cidadanía”

A Agrupación Provincial Socialista destacou hoxe “a repercusión moi positiva” dos catro anos de goberno de Pedro Sánchez na Coruña “en todos os aspectos, económicos, sociais, de emprego, pensións ou investimentos”.

“En todos os parámetros sae gañando a cidadanía grazas á xestión do noso partido, sube o número de afiliados á Seguridade Social e baixan o paro e a temporalidade”, destacou o secretario xeral provincial do PSOE, Bernardo Fernández, que lembrou que “o salario mínimo pasou de 735 a 1.000 euros ao mes e a pensión media de xubilación de 1.082 a 1.254 euros”.

Fernández deu unha rolda de prensa na sede da Agrupación Provincial Socialista da Coruña, xunto aos deputados no Congreso Montserrat García Chavarría, Diego Taibo e Natividad González Laso; e os senadores Manuel Mirás Franqueira e Xoaquín Fernández Leicega.

“En materia de investimentos, hai que destacar por exemplo os 4.300 millóns de euros para a construción das fragatas en Ferrol; os 130 millóns para o acceso ferroviario ao porto Exterior da Coruña; os 80 millóns para a intermodal tamén na Coruña; os 40 millóns para o saneamento da ría do Burgo, ou no caso de Santiago os 72 millóns para a Intermodal e os 22 millóns de euros para o enlace Orbital”, engadiu o secretario xeral provincial.

“Isto contrata coa mochila que nos deixou a Xunta de Alberto Núñez Feijóo, xa que Galicia segue a ser unha das comunidades máis pobres de España e a destrucción industrial e de empresas é moi superior á media española”, rematou Fernández.

Pola súa parte, Natividad González incidiu “no compromiso do goberno con Ferrol, co contrato das fragatas que provocará emprego e ocupación para milleiros de persoas durante moitos anos, fronte ao Plan Ferrol da Xunta que non serviu para nada”.

Diego Taibo destacou “os investimentos na comarca da Coruña, como a obra do ría do Burgo e os proxectos para o porto exterior”, mentres que Fernández Leiceaga considerou “gratificante o efecto deste goberno en materia de creación de emprego, demostrando que a reforma laboral funciona moi ben”.

Manuel Mirás fixo un repaso polos investimentos do executivo central en Santiago e a súa comarca, “con 75 millóns para a estación intermodal e o enlace orbital”, e por último, Montserrat Garcia lembrou que “recuperamos a voz en Europa, acadando 140.000 millóns do Fondo de Recuperación e Resiliencia”.

“O plan de resposta ao conflicto de Ucraína ampliarase tres meses máis, o que suporá 300 millóns para o sector agrario, máis de 60 millóns para a pesca e 450 millóns para o transporte, ademais doutras medidas como a bonificación dos carburantes”, engadiu García, que rematou lembrando “os máis de 100 millóns de euros para a transición xusta nas Pontes e Cerceda”.

Algunhas novas relacionadas