Os socialistas de Val do Dubra esixen ao goberno local iniciativas para o campo de fútbol de Portomouro

O PSOE de Val do Dubra lamenta a falta de iniciativa do goberno local co Campo de Fútbol de Portomouro, unha instalación que contou cun importante investimento provincial pero que a día de hoxe mostra un profundo deterioro.

No ano 2016, a Deputación da Coruña realizou un investimento de 76.000 euros para a instalación, con cargo a un plan provincial. Porén, o estado actual do campo de fútbol mostra un profundo abandono das instalacións, impedindo a súa utilización polos clubs ou para outro tipo de actividades.

As obras acometidas hai 6 anos, que contaban co respaldo da totalidade de grupos que formaban a Corporación daquel momento (ANOVA, PP, TEGA e IxD) consistiron no drenaxe do terreo, peche e iluminación.

O Grupo Socialista dubrés preguntou no Pleno municipal polos futuros proxectos previstos para esta infraestrutura. Porén, a resposta foi o silencio, xa que, segundo afirmou o goberno local, este asunto “ten pouca solución”.

Os socialistas esixen que o Goberno local non dea as costas a estas instalacións, nas que se investiu unha importante cantidade de cartos públicos no ano 2016. Os socialistas agardan que poida atopar, xunto cos veciños e veciñas unha saída para o Campo de Fútbol de Portomouro.

O voceiro do PSOE, Diego Luis Díaz Méndez, lamentou “a tristura ao ver o estado de abandono no que se atopan algunhas das instalacións coas que xa contamos, mentres o Goberno local se empeña en falar de novos proxectos que a día de hoxe non son máis que palabras ao aire”.

Algunhas novas relacionadas