Os socialistas de Val do Dubra demandan melloras urxentes en dous parques infantís en Bembibre e Portomouro

Os socialistas de Val do Dubra presentaron no concello unha solicitude para que o Goberno local acometa as melloras necesarias en dous parques infantís que a día de hoxe están no absoluto esquecemento, pese a que son de recente instalación.

Por unha banda, é preciso crear os accesos do novo parque infantil da Telleira en Bembibre, que no seu entorno presenta terra amoreada con escombros e carece de beirarrúa ao fronte da estrada provincial pola que pasa tanto tráfico, moito del pesado.

“Dende o PSOE de Val do Dubra, cremos que estamos ante unha zona de importante perigo para as persoas usuarias e xa o adiantamos dende que comezou a instalación dos elementos”, lembra Diego Luis Díaz, portavoz dos socialistas.

Así mesmo, tamén é necesario que se proceda á limpeza e adecentamento do entorno do parque infantil de Portomouro, que na actualidade se atopa coa herba moi alta nun entorno que debería estar ben coidado para maior desfrute dos máis pequenos e pequenas.

Algunhas novas relacionadas