Os socialistas de Malpica consideran que “a negativa do grupo de goberno a investir o remanente evidencia que só o PSOE pensa no futuro e o progreso do concello”

Os socialistas de Malpica levaron ao pleno extraordinario celebrado esta mañá a súa proposta para investir os case dous millóns de euros do remanente municipal en obras nas parroquias e unha campaña de axuda ao comercio.

A proposta do PSOE non saiu adiante polos votos en contra do Partido Popular e do concelleiro non adscrito, ademais da abstención do BNG.

“A nosa proposta era un exercicio de responsabilidade fronte á paralise na que está o Concello de Malpica, derivada dunha moción de censura que foi unha vergonza”, asegurou Walter Pardo, voceiro do PSOE no concello. “Neste pleno queda claro que só os socialistas pensamos no futuro e no progreso do noso pobo”, engadiu.

“A pesares do seu voto en contra hoxe, confiamos en que a nosa insistencia sirva para que se use o remanente nas próximas semanas, non pode ser que os cartos sigan no banco con todas as necesidades que temos”, apuntou.

“Dende o grupo socialista de Malpica, sempre tivemos como prioridade na política tomar medidas para o progreso e para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños, intentando impulsar o comercio e facer obras necesarias no municipio”, manifestou Pardo.

“Agora na oposición tamen dixemos dende o minuto 1 o mesmo, que faríamos unha oposición construtiva e progresista, algo que nós non tivemos, xa que dende a vosa oposición nunca nos puxéchedes enriba da mesa unha proposta construtiva”, rematou.

 

Algunhas novas relacionadas