Bernardo Fernández destaca “as últimas medidas do goberno socialista para ampliar e protexer os dereitos dos traballadores”

O secretario xeral dos socialistas na provincia da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, participou esta mañá na principal manifestación organizada polos socialistas galegos con motivo do 1 de maio. Os socialistas concentráronse na Praza da Palloza, na Coruña, para reivindicar o Día Internacional dos Traballadores e Traballadoras.
O líder dos socialistas na provincia destacou que este 1 de maio “está marcado polas medidas laborais tomadas polos socialistas no Goberno central, nuns momentos difíciles marcados pola pandemia e a guerra en Ucraína”.
Bernardo Fernández Piñeiro recalcou a acción socialista na ampliación “dos dereitos dos traballadores e a súa protección, polo tanto garantindo os postos de traballo no peor da pandemia”.
O socialista contrapuxo o esforzo dos socialistas en materia laboral fronte á actitude do Partido Popular “que supedita os intereses do país aos do partido e non aos da cidadanía”.
Neste sentido, o líder socialista exemplificou a actitude do PP “co seu voto en contra das medidas para paliar a crise derivada da guerra e que vai a mellorar os prezos da enerxía, a situación das empresas, dos autónomos e de toda a cidadanía”.
“Unhas medidas que deberían de contar co apoio de todos os grupos parlamentarios. A negativa do PP demostra que con Feijóo, o partido continúa na mesma liña que baixo o mando de Pablo Casado”, rematou.

Algunhas novas relacionadas