O Concello de Malpica debatirá este martes nun pleno extraordinario a proposta do PSOE de investir o remanente en obras e unha campaña de axuda ao comercio

Os socialistas de Malpica conseguiron o pleno extraordinario para debatir e demandar ao concello que invista os case dous millóns de euros do remanente municipal en obras nas parroquias e unha campaña de axuda ao comercio.

O pleno extraordinario, solicitado polo PSOE, será este martes, 3 de maio, ás 10:00 horas no Concello de Malpica.

“A nosa proposta é un exercicio de responsabilidade fronte á paralise na que está o Concello de Malpica, derivada da moción de censura; debemos utilizar o remanente para reactivar a economía e xerar emprego”, asegura Walter Pardo, voceiro do PSOE no concello.

“Xa en decembro do 2020, cando aínda estabamos no goberno en plena pandemia do coronavirus, propuxemos liberar 750.000 euros do remamente para obras e proxectos, pero o PP negouse”, lembra Pardo.

“Malpica necesita medidas para impulsar a súa economía, por iso propoñemos unha campaña de bonos de 30 euros para o seu consumo no comercio local por parte dos veciños empadroados”, explica o voceiro do PSOE.

Ademais desta iniciativa, Pardo apuntou que o remanente, un total de 1.866.671,48 euros, beneficiaría a todas as parroquias. “Non sei para que queremos ter eses cartos no banco, pagando ademais intereses”, lamenta.

As actuacións propostas polo PSOE destinaranse ao paseo de Canido; o miradoiro do Camiño do rio; a rúa Boa Vista (Seaia); o rueiro do Petón; unha senda en Vilarnovo; o arranxo do mercado municipal, e os inicios dos trámites para a expropiación dun paseo turístico en Atalaia, un proxecto para facer unha vía nova na rúa Escorial, e outra expropiación para unha saída/entrada por Villadebe.

Haberá tamén traballos en Barizo; Buño; Cambre; Cerqueda, Leiloio; Mens, e Vilanova. “Todas as obras mellorarían a vida dos veciños e veciñas de Malpica”, rematou Pardo.

Algunhas novas relacionadas