Os socialistas de Malpica demandan ao Concello que invista os dous millóns do remanente en obras e unha campaña de axuda ao comercio

Os socialistas de Malpica solicitaron un pleno extraordinario para demandar ao concello que invista os case dous millóns de euros do remanente municipal en obras nas parroquias e unha campaña de axuda ao comercio.

“Desde o comezo do mandato en 2019, o grupo de goberno socialista propúxose levar a cabo unha xestión económica responsable, e grazas a ela podemos utilizar o remanente para reactivar a economía e xerar emprego”, asegurou esta mañá Walter Pardo, voceiro do PSOE no concello, nunha rolda de prensa á que asistiu o secretario xeral provincial, Bernardo Fernández Piñeiro, e a executiva local liderada por Adrián Suarez.

“Xa en decembro do 2020, cando aínda estabamos no goberno en plena pandemia do coronavirus, propuxemos liberar 750.000 euros do remamente para obras e proxectos, pero o PP negouse”, lembra Pardo.

Pola súa parte, o secretario xeral provincial, Bernardo Fernández, sostén que a proposta “é un exercicio de responsabilidade fronte á paralise na que está o Concello de Malpica, derivada da moción de censura”.

“O municipalismo loitou para demandar ao goberno o uso destes remanentes, que neste caso destinaríanse a actuacións moi necesarias e que dan resposta ás demandas veciñais”, engadiu Fernández.

“Malpica necesita medidas para impulsar a súa economía, por iso propoñemos unha campaña de bonos de 30 euros para o seu consumo no comercio local por parte dos veciños empadroados”, explicou o voceiro do PSOE.

Ademais desta iniciativa, Pardo apuntou que o remanente, un total de 1.866.671,48 euros, beneficiará a todas as parroquias. “Non sei para que queremos ter eses cartos no banco, pagando ademais intereses”, lamenta.

As actuacións propostas polo PSOE destinaranse ao paseo de Canido; o miradoiro do Camiño do rio; a rúa Boa Vista (Seaia); o rueiro do Petón; unha senda en Vilarnovo; o arranxo do mercado municipal, e os inicios dos trámites para a expropiación dun paseo turístico en Atalaia, un proxecto para facer unha vía nova na rúa Escorial, e outra expropiación para unha saída/entrada por Villadebe.

Haberá tamén traballos en Barizo; Buño; Cambre; Cerqueda, Leiloio; Mens, e Vilanova. “Todas as obras mellorarán a vida dos veciños e veciñas de Malpica”, rematou Pardo.

Algunhas novas relacionadas