Os socialistas de Mugardos denuncian que o goberno local aínda non executou obras concedidas pola Deputación en 2019

Os socialistas de Mugardos denuncian que o goberno local do Partido Popular aínda non realizou obras financiadas pola Deputación da Coruña e concedidas en 2019, a través do seu Plan de Obras e Servizos. A estas súmanse diferentes obras concedidas polo goberno provincial en 2020 e 2021 que tampouco están executadas.

“En outubro de 2021, ningunha das obras concedidas ao Concello de Mugardos por parte da Deputación da Coruña estaba nin sequera licitada”, explica o voceiro socialista, Jose Ángel Martínez Bardanca.

O grupo socialista comezou entón a pedir en diferentes Plenos Municipais o avance inminente desas obras. “A esas alturas do ano, nos municipios dun tamaño similar a Mugardos, estaba executado o 80% destes fondos provinciais, mentres que o Partido Popular non realizou ningunha das obras”, apuntan os socialistas.

“A maioría dos traballos están integramente financiados pola Deputación da Coruña, polo que o Concello de Mugardos só ten que realizar os trámites para que se executen as obras. Por iso non entendemos estes retrasos de máis de 3 anos nalgunhas obras”, engade o portavoz socialista.

Entre as obras non executadas, inclúense a mellora dos servizos e pavimento da rúa Rosalía de Castro e a ampliación do saneamento en O Monte, dotadas con case 144.000 euros e concedidas en 2019.

Dese mesmo ano tamén datan as obras de ampliación do abastecemento de auga en O Vilar e Yáñez Badía, así como a dotación dun vehículo de Policía Local, dotadas con case 87.000 euros.

Do POS 2020 están pendente de executar o acondicionamento de diferentes vías e camiños do municipios, cun orzamento de máis de 80.800 euros. No caso das obras concedidas en 2021, non se executaron aínda os traballos de accesibilidade no colexio CPR Loyola, a mellora da rede de pluviais do Porto, unha pista multideporte e un parque infantil en O Baño, nin tampouco a mellora de varios camiños municipais. Estas obras superan os 330.900 euros de investimento provincial no municipio.

“Todas estas obras supoñen un investimento de máis de 700.000 euros, financiadas con fondos da Deputación da Coruña, e dos que a cidadanía non pode desfrutar pola mala xestión do goberno municipal”, sinala o voceiro socialista.

“Os socialistas levamos meses presionando ao goberno local para que execute estas obras e mellore a calidade de vida da cidadanía. Neste tempo logramos que licitasen algúns dos proxectos, pero Mugardos continúa cun 0% de obras executadas”, finalizan.

Algunhas novas relacionadas