Os socialistas da provincia destacan que o Plan Nacional de Resposta ás consecuencias da guerra protexe a sectores estratéxicos na Coruña

Os deputados e senadores socialistas da provincia da Coruña destacan que o Plan Nacional de Resposta ás consecuencias da guerra “será un apoio fundamental para as familias e o tecido produtivo da Coruña, blindándoo fronte ao posible impacto económico da situación bélica”.

O Plan, que entrou onte en vigor, mobilizará 16.000 millóns de euros en toda España e terá un grande impacto na provincia da Coruña polas áreas ás que beneficia, como a pesca ou á agricultura.

“Este plan é unha mostra do compromiso dos socialistas dende o Goberno central coa nosa provincia, garantindo que as consecuencias da guerra desvirtúen a recuperación económica e asegurando a calidade de vida da cidadanía”, sinalan os deputados e senadores socialistas.

Familias e empresas

“As familias e os traballadores/as son unha prioridade neste plan, quen recibirán unha bonificación de 0’2€ por litro de combustible. Ademais, os empregos na provincia estarán blindados, evitando despidos nas empresas que reciban axudas directas ou por ERTEs”, sinala a deputada socialista, Montserrat García Chavarría.

Entre outras medidas de protección á cidadanía, a socialista referiu “un límite máximo do 2% de revisión no caso dos alugueiros, un aumento do 15% no ingreso mínimo vital e a ampliación do bono social eléctrico que, só en Galicia, podería chegar aos 115.000 beneficiarios”.

A isto súmanse unha ampliación das rebaixas fiscais na factura da luz e unha dotación de 75 millóns de euros adicionais para o bono social térmico.

Doutra banda, o deputado Diego Taibo resumiu os beneficios para os autónomos e empresas coruñesas. “O tecido empresarial da provincia precisa de apoio, por isto articúlanse axudas directas e medidas de liquidez, que garantan a súa solvencia”, expresou.

Sectores estratéxicos
Neste sentido, abordou “unha nova liña de 10.000 millóns de euros en créditos do ICO, ao que se suman axudas directas a sectores como a agricultura, gandería, pesca, industria electrointensiva e gas-intensiva, así como o transporte”.

Todos eles “sectores estratéxicos na provincia da Coruña, que contan cunha achega específica de 362 millóns de euros para o sector agro gandeiro e 68 millóns de euros para o pesqueiro”.

A deputada socialista Natividad González Laso deu conta das axudas que recibirá o sector do transporte, “un dos maiores afectados pola suba dos carburantes pero que conta co total apoio do Goberno central”. Neste sentido, referiu que recibirán “450 millóns de euros en axudas directas, que sumados a outras medidas, como a devolución mensual do imposto sobre hidrocarburos, suporán unha inxección ao sector de 1.000 millóns de euros”.

Ciberseguridade e enerxía
Tamén se promoverá un plan nacional de ciberseguridade, “dotado con máis de 1.200 millóns de euros”, segundo destacou o senador socialista Manuel Mirás. “A guerra de Ucraína pon de relevancia o risco de sufrir ciberataques, polo que cómpre reforzar a nosa administración neste eido”, engade.

Por último, o plan contempla importantes medidas en materia de enerxía. “Inclúe un mecanismo de fixación do prezo de referencia para o gas, unha medida defendida a nivel europeo polo goberno de Pedro Sánchez”, sinalou o senador socialista Xoaquín Fernández Leiceaga.

Algunhas novas relacionadas