Os socialistas da provincia celebran a aprobación do PERTE naval “polo seu impacto na Coruña e sobre todo na comarca de Ferrol”

Os socialistas da provincia da Coruña celebran a aprobación polo Consello de Ministros do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) específico para o sector naval e as industrias auxiliares. Unha iniciativa impulsada polos socialistas que terá “un grande impacto na industria naval da nosa provincia, especialmente na comarca de Ferrol”.

O proxecto baséase na colaboración público-privada, centrado en transformar a cadea de valor diversificando cara ás enerxías renovables marinas e os buques de baixas emisións, a súa dixitalización, a mellora da sostibilidade medioambiental e a capacitación dos empregados.

O grupo parlamentario socialista no Congreso dos Deputados logrou o apoio unánime da Comisión de Industria para poñer en marcha un PERTE naval, no marco dos fondos Next Generation da Unión Europea. A deputada socialista pola provincia da Coruña, Natividad González Laso, encargouse defender esta iniciativa en dita comisión.

“Grazas ao PERTE Naval, o sector recibirá un investimento de 1.460 millóns de euros, dos cales o sector público aportará 310 millóns de euros e o investimento privado suporá 1.150 millóns de euros”, sinala a deputada socialista.

Este plan modernizará o sector en España, “incrementarase a súa competitividade nun 15% e logrando unha taxa de crecemento anual do 9% no sector”, destaca González Laso. “Todo iso implicando unha creación de postos de traballo de calidade, que repercutirá tamén na nosa provincia e nos seus polos de industria naval”, engade a socialista.

“O obxectivo deste proxecto é contribuír ao crecemento económico e do emprego en zonas de alta actividade industrial naval, como é o caso da comarca de Ferrol”, destaca pola súa parte a deputada socialista Montserrat García Chavarría.

“Con esta iniciativa esperamos manter a aportación do sector á autonomía industrial, á vez que se diversifica a actividade cara ás enerxías renovables mariñas. Do mesmo modo, esperamos dixitalizar a cadea de valor, incrementar a sostibilidade ambiental e mellorar a formación dos empregados e empregadas do sector”, engade García Chavarría.

O PERTE Naval ten dous eixos de actuación. “Dunha banda, proxectos transformadores da cadea de valor, con accións que mobilicen aos diferentes actores do sector e impulsen a súa modernización. Doutra banda, impulsaranse medidas facilitadoras que apoien o fomento das renovables, apoio económico e de carácter normativo”, finaliza a deputada socialista.

Algunhas novas relacionadas