Os socialistas de Pontedeume reelixen a Daniel Ríos secretario xeral local e afrontan un novo mandato “co obxectivo claro das próximas eleccións municipais”

A Agrupación Socialista de Pontedeume reelexiu por aclamación a Daniel Ríos como novo secretario xeral local, mentres que Alejandra Bellón será a secretaria de Organización nos próximos catro anos.

A Executiva local, composta por 15 persoas, afronta o novo mandato “co obxectivo claro das próximas eleccións municipais”. “Traballaremos para manter e reforzar o proxecto socialista que está cambiando Pontedeume desde o ano 2015”, afirma Daniel Ríos.

Os socialistas de Pontedeume teñen un proxecto sólido a nivel local e con presenza provincial, autonómica e estatal. Bernardo Fernández, alcalde da vila, é secretario xeral provincial do PSdeG, portavoz do partido na Deputación e membro do Comité Federal do PSOE; Daniel Ríos forma parte do Comité Nacional Galego do PSdeG, e Alejandra Bellón da Executiva Provincial.

“Toca seguir traballando e seguir mellorando Pontedeume, escoitando os problemas dos nosos veciños para buscarlles unha solución”, engade o secretario xeral local.

Nas próximas semanas, a nova Executiva organizarase en varias áreas de traballo pensando xa nas eleccións de maio de 2023, ás que os socialistas se presentarán cun ambicioso programa para afianzar o camiño iniciado hai sete anos.

Algunhas novas relacionadas