Bernardo Fernández garante que o único obxectivo dos socialistas da provincia da Coruña “será traballar para mellorar a vida das persoas desde as institucións”

Bernardo Fernández Piñeiro foi elixido hoxe oficialmente secretario xeral da Agrupación Provincial Socialista da Coruña no seu 4º congreso, garantindo que “o noso proxecto quere ser unha ferramenta para estar nas institucións e mellorar a vida das persoas”.

“O noso primeiro obxectivo son as eleccións municipais, temos que traballar desde a unidade e consolidar os resultados de 2019, que serán ademais un piar para levar a Valentín González Formoso á presidencia da Xunta da Gallicia”, apuntou.

Fernández puxo fin a un acto de clausura no que tamén interviron Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdeG, e Santos Cerdán, secretario de Organización do PSOE. Tanto a Comisión Executiva Provincial como o Comité Provincial resultaron elixidos con máis do 95% do apoio dos delegados e delegadas do congreso.

Ademais, o acto de clausura contou coa presenza dos alcaldes e alcaldesas de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; A Coruña, Inés Rey; Ferrol, Ángel Mato, e Lugo, Lara Méndez; o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; o portavoz parlamentario, Luis Álvarez; Pilar Cancela, secretaria de Estado de Cooperación Internacional, e numerosos alcaldes e concelleiros de todas as agrupacións da provincia.

Bernardo Fernández lembrou tamén “o exemplo de democracia interna das primarias, polo que quero dar as grazas á militancia e a Noa díaz”. “Levo con orgullo ser de Pontedeume e fillo dun traballador do naval, levo 20 anos de militante nos que aprendín moitísimo, sobre todo que non hai límites, podemos conquerir os nosos obxectivos porque somos a mellor alternativa para estar ao fronte das institucións”.

Pola súa parte, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, asegurou que “hoxe é un día moi importante para o Partido Scialista de Galicia e para mín, deixo de ser secretario xeral provincial despois dun proceso de primarias limpo e exemplar entre Bernardo Fernández e Noa Díaz”.

“Relévame unha persoa chea de valores, constante, exemplar e traballadora”, engadiu. “Somos herdeiros de xeracións de socialistas e estamos aquí para facer políticas socialdemócratas e poñer en marcha medidas progresistas, sociais, de emprego e de igualdade”, afimou.

En palabras de González Formoso, “tócanos devolver ilusión a Galicia, relevar a un presidente por inoperancia que preferiu ser a oposición ao Estado que o presidente de noso país, e contra iso nós temos ilusión, temos que soñar Galicia e soñar un novo país que necesita reinventarse”.

Por último, Santos Cerdán lembrou na súa intervención que “esta semana presenciamos o enésimo escándalo de corrupción e espionaxe do PP, está no seu ADN, con Pablo Casado o Partido Popular é xa unha caricatura”, en contraposición “dun presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que traballa cada día polo benestar dos cidadáns”.

“Hoxe comeza un proxecto forte na provincia da Coruña con Bernardo Fernández, e entre todos temos que levar a Valentín González Formoso en volandas á presidencia da Xunta”, rematou.

Algunhas novas relacionadas