Os socialistas de Santa Comba abandonan o pleno e critican que o concello “aprobe o pos sen pasar por comisión e convoque esta sesión urxente sen consensuar o horario”

O grupo municipal socialista de Santa Comba decidiu abandonar onte pola noite o pleno extraordinario convocado para a aprobación do POS 2022 e do POS+ Adicional, amosando a súa disconformidade polas formas do grupo de goberno na tramitación de ambos plans e na convocatoria do pleno.

“O grupo de goberno non contou con nós para participar na toma de decisións nin consensuar os contidos de ambos plans, sen terse convocado as pertinentes comisións informativas para dar conta dos contidos que se sometían a votación”, explica Carlos Turnes, portavoz do PSOE.

Os socialistas afirman que “a documentación que se achega é insuficiente, recibindo unicamente un documento explicativo nos que só aparecen reflexados os gastos que se van a realizar, sen aparecer unha memoria explícita dos contidos que se van someter a votación. O propio grupo do Partido Popular pedía isto cando era membro da oposición”.

“A aprobación das bases reguladoras do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal foron publicadas con data do 30 de novembro, polo que non entendemos cal é a motivación do grupo de goberno a aprobar sen opción a debate un plan desta envergadura”, engade Turnes.

Por último, o PSOE lembra que “non se consensuou con este grupo a hora de celebración do pleno, convocado só unhas horas antes; vulnérase así o noso dereito de participación como concelleiros desta corporación, tendo en conta os nosos horarios laborais e as nosas obrigas persoais, sen ter marxe de conciliación ningunha e tendo en conta que unha das nosas compañeiras despediu no día de hoxe a un familiar, o cal demostra o grao de humanidade deste equipo de goberno”.

“O equipo de goberno actual decidiu non ter en consideración a porcentaxe de votos que representamos nesta corporación para a aprobación de asuntos tan relevantes”, remata Carlos Turnes.

Algunhas novas relacionadas