Os alcaldes e alcaldesas socialistas da provincia da Coruña esixen á Xunta melloras no transporte interurbano

Os alcaldes e alcaldesas da provincia da Coruña reuníronse hoxe no Consello de Alcaldes e Alcaldesas para tratar a problemática do transporte interurbano por estrada.

Bernardo Fernández Piñeiro, secretario xeral electo dos socialistas na provincia da Coruña, estivo presente nesta reunión. “Con este instrumento posto en marcha por Valentín González Formoso como secretario xeral provincial, os alcaldes e alcaldesas temos a oportunidade de tratar conxuntamente temas que afectan a toda a provincia”, manifestou.

“O tema principal de hoxe é o transporte, que leva dando problemas dende hai máis dun ano froito dun prego que fixo a Xunta de Galicia, que non se adapta á realidade do servizo e que está a xerar moitos problemas á cidadanía das distintas bisbarras”, sinala o socialista.

Ademais, “a Xunta de Galicia gastou 12 millón de euros para facer un estudo das necesidades”, indica o secretario xeral electo, “pero un estudio que é a todas luces insuficiente, non se acerca ás realidades da cidadanía”.

“Con este consello de alcaldes e alcaldesas socialistas de toda a provincia queremos analizar esta cuestión e poñer de manifiesto cales son as preocupacións que nos traslada a veciñanza”, engadiu.

O secretario xeral electo recordou ademais que esta semana a propia conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, “negaba a existencia de calquera tipo de problema no transporte”.

“Difícilmente a Xunta dará solución cando non son capaces nin de asumir que existe”, rematou.

Tamén interviu Manuel Mirás, secretario de Política Municipal dos socialistas da provincia. “O transporte cada vez funciona peor, a raíz das últimas concesións sobre todo, fallan as frecuencias sobre todo nas áreas das cidades como Ferrol, A Coruña e Santiago”, apunta.

“A Xunta debe ofrecer un transporte público de calidade, que permita á cidadanía deixar de usar o vehículo particular e empregar o transporte público, que é a opción máis sostible e economica”, afirmou.

Algunhas novas relacionadas