Os socialistas da provincia destacan a importancia do PERTE agroalimentario “polo seu impacto nun sector esencial na Coruña e en Galicia”

Os deputados socialistas Diego Taibo, Natividad González Laso e Montserrat García Chavarría, así como os senadores Manuel Mirás e Xoaquín Fernández Leiceaga valoran “o importante impacto do PERTE na industria agroalimentaria galega e coruñesa, un sector esencial da economía”.

O Consello de Ministros aprobou esta semana o “Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica” (PERTE) do sector agroalimentario. O PERTE busca “dotar ao sector de financiamento e das liñas de actuación necesarias para emprender os cambios medioambientais, dixitais, sociais e económicos, todos eles retos da próxima década”, sinalan os socialistas.

O plan sostense sobre tres eixos, un de apoio específico á industria agroalimentaria, centrado nos seus procesos de produción; un segundo eixo de impulso á dixitalización do sector; e unha terceira liña centrada no apoio á innovación e á investigación.

“Os socialistas, dende o Goberno central, cumpren de novo co sector agroalimentario”, sinala a deputada Natividad González. A socialista recordou a importancia do sistema agroalimentario “esencial na economía española, xa que aporta un valor engadido de máis de 100 mil millóns de euros e que representa o 10% do produto interior bruto, dando emprego a case 3 millóns de persoas”.

“Tamén para a economía galega, onde o sector agroalimentario representa o 6,9% do PIB, do que case o 10% está aportado pola comarca da Coruña”, engade. Respecto ao investimento, subliñou a aportación inicial de “1.000 millóns de euros ata 2023 que, sumada ao investimento privado, suporá un impacto á economía de 3.000 millóns de euros, creando ata case 16.000 empregos”.

Os socialistas destacan ademais que o investimento do PERTE, sumado á PAC, ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca “suporán, entre 2022 e 2026, o maior investimento de fondos públicos xamais feito en España e en Galicia neste sector, con 50.000 millóns de euros”.

O PERTE agroalimentario busca ademais cumprir cos obxectivos de desenvolvemento sostible e coa axenda 2030. “Temos que poñer en marcha procesos máis sostibles no sector, que impliquen o aforro enerxético, a utilización de enerxías renovables e promovan a eficiencia enerxética”, sinala o deputado socialista, Diego Taibo.

Ademais, Taibo indica dous aspectos da idiosincrasia do sector en Galicia. “Debemos tratar tamén o problema da remuda xeracional das familias galegas, para que se incorporen os fillos e netos de gandeiros a explotacións agrarias cada vez máis competitivas, tecnificadas e eficientes”, explica.

“Tamén debemos reforzar o papel da muller no sector, que cada vez aumenta a súa relevancia, pasando de ter un papel de xestión a estar á cabeza das explotacións gandeiras”, subliña.

“Non entendemos por que o PP non se felicita desta aportación de recursos para un sector estratéxico, cuestionando constantemente a chegada de fondos europeos a España”, engade a deputada Natividad González Laso.

Algunhas novas relacionadas