Os socialistas de Val do Dubra demandan ao concello “o investimento necesario para dotar de seguridade e accesibilidade o entorno do miradoiro do Picoto”

Os socialistas de Val do Dubra demandan ao concello “que se execute o investimento necesario para dotar de seguridade e accesibilidade o entorno do miradoiro do Picoto de Arnexo en Rial, que na actualidade presenta zonas con risco para as persoas visitantes”.

Ademais, piden que “se proceda á execución de tarefas dirixidas á posta en valor da zona, mellorando os accesos e colocando sinais indicativas do lugar”.

“Unha vez executadas as obras de instalación dun miradoiro no Picoto de Rial, que supuxeron un importante maltrato no noso patrimonio natural, obsérvanse importantes deficiencias que supoñen un risco para calquera persoa que visite a zona”, explica Diego Luis Díaz, portavoz dos socialistas de Val do Dubra.

“É evidente que unha vez instalada semellante estrutura nas pedras máis icónicas do Picoto resulta practicamente imposible a súa retirada, polo cal é preciso que se dote de seguridade á totalidade da estrutura, que a data de rexistro desta solicitude presenta zonas nas cales non existe nin tan sequera valado que impida que unha persoa poida caer nalgúns dos ocos e resultar lesionada”, engade.

Por outra banda, os socialistas consideran necesario “que se leven a cabo tarefas que conleven a posta en valor do emprazamento e se realice un plan de investimento para mellorar e acondicionar a zona e accesos, xa que tal e como coñecerán a pista que conduce ata o lugar precisa dunha importante mellora e as sinais son inexistentes, salvo unha que esta no propio cruce e se atopa nun estado vergoñento”.

Algunhas novas relacionadas