Os deputados da Coruña celebran a aprobación no Congreso da reforma laboral: “un acordo histórico para rematar coa precariedade e a temporalidade”

Os deputados socialistas da provincia da Coruña no Congreso dos Deputados, Montserrat García Chavarría, Natividad González Laso e Diego Taibo celebran a aprobación da reforma laboral “que supón un acordo histórico que remata coa precariedade e a temporalidade laboral”. Os senadores da provincia da Coruña comparten tamén este avance da reforma laboral no Congreso dos Deputados.

“Esta reforma impulsada polo goberno socialista de Pedro Sánchez permite eliminar o xugo da reforma laboral do Partido Popular, que supoñía unha perda constante de dereitos para os traballadores e traballadoras”, subliña a socialista Montserrat García Chavarría.

Entre os puntos máis destacados da reforma laboral, os socialistas remarcan “a recuperación da negociación colectiva, que ocupará de novo o centro das relacións laborais”.

A reforma suporá “a modernización do mercado laboral no noso país, con máis opcións para a mocidade, contratos de calidade e cunha clara aposta pola formación”. “Apóstase polo contrato indefinido, para reducir a temporalidade, e increméntanse as sancións por contratación irregular”, engaden os socialistas.

Destacan ademais “o acordo entre todos os axentes implicados, tanto os sindicatos como a patronal, o que lexitima completamente esta reforma”.

Os socialistas critican tamén postura do BNG no Congreso, votando en contra desta reforma. “Non é coherente que voten en contra, a menos que o BNG estea de acordo en manter a reforma laboral do Partido Popular, que tanta precariedade laboral xerou”, sinala García Chavarría.

Respecto da xornada de onte no Congreso dos Deputados, os socialistas da provincia da Coruña critican a “traición dos dous deputados de UPN, rompendo a disciplina de voto do seu partido e votando en contra desta reforma”.

“A negativa destas dúas persoas a votar a favor desta reforma evidencia que prefiren continuar coas normas impostas polo Partido Popular en vez de aprobar unha reforma co apoio de forzas políticas de ideoloxías distintas”, sinala a deputada.

Neste sentido insisten “non só traicionan ao seu partido ou aos acordos con outras forzas, están traicionando os dereitos laborais da cidadanía española”.

Respecto da votación a favor da reforma por parte do deputado do Partido Popular Alberto Casero, os socialistas insisten: “Todos os deputados somos conscientes de como se realiza a votación telemática, é imposible o erro xa que permite revisar o voto antes de emitilo definitivamente”.

Polo tanto, os socialistas remarcan que o Partido Popular “non pode defender que se trate dun erro informático cando os técnicos do Congreso avalan que a votación funcionou perfectamente”

Algunhas novas relacionadas