O congreso do PSdeG Provincial da Coruña será o 19 de febreiro e as primarias o 30 de xaneiro

A Agrupación Provincial Socialista da Coruña aprobou está mañá celebrar o seu congreso o día 19 de febreiro. Ademais, o proceso de primarias para escoller ao novo secretario xeral provincial será o 30 de xaneiro.

Nun comité provincial, o secretario xeral provincial saínte tras ser elixido secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, fixo un balance dos seus catro anos de mandato, nos que o PSdeG-PSOE conseguiu máis alcaldías que o Partido Popular e incrementou de forma considerable o número de afiliados e afiliadas.

“O apoio da provincia á socialdemocracia medrou case nove puntos”, sostivo González Formoso, que reivindicou que “agora toca continuar con este escenario de apoio social e coa a nosa forma de entender a política, sempre construtiva e en positivo”.

Nesta liña, fixo un chamamento a seguir sendo “un instrumento útil” para a sociedade coruñesa.

Neste mandato, o PSdeG Provincial conseguiu un destacado incremento no número de concelleiros e concelleiras, pasando de 318 a 400, obtendo desta forma un 25 % máis de representación territorial.

Ademais, os socialistas acadaron 41 alcaldías nun total de 93 concellos, sendo a primeira vez na historia das corporacións locais da provincia que chega a esa cifra, superando tamén por primeira vez ao Partido Popular. Por outra parte, incrementouse o apoio social nos concellos, ao pasar dun 21,1% en 2015 a un 29,16% en 2019.

En canto ao funcionamento orgánico, creouse o Consello de Alcaldes e Alcaldesas da provincia, con máis dunha ducia de reunións, e mellorouse a coordinación comarcal con reunións trimestrais en cada comarca entre 2018 e 2020, antes da pandemia.

Por último, cómpre salientar o incremento da militancia, pasando de 3.200 afiliados e afiliadas a 4.053 neste momento.

Algunhas novas relacionadas