O PSOE de Touro demanda a creación dunha comisión de seguemento municipal da actividade e xestión dos residuos da empresa T.E.N.

Os socialistas de Touro solicitaron no último pleno municipal a creación dunha comisión de seguemento da actividade e xestión dos residuos da empresa T.E.N., que xestiona os terreos da antiga mina.

“O goberno municipal de Touro incumpre as súas propias promesas, as que fai nos plenos ante a corporación e as que expón ante as veciñas e vecinos; o alcalde prometeu seguementos e controis continuos, análises técnicos do tipo e as cantidades de refugallos depositados pola empresa nos terreos da antiga mina, e a adopción de medidas necesarias para a eliminación dos olores… pero non fixo nada”, afirma a portavoz do PSOE, Gemma López.

“O alcalde é o verdadeiro responsable da situación na que nos atopamos, ao non traballar para a adopción de medidas, e ao non respectar á veciñanza nin ás decisións plenarias”, engade.

Os socialistas esixen polo tanto “a creación dunha comisión de seguemento da actividade e xestión dos residuos da empresa T.E.N., na que participe toda a corporación municipal, e a eliminación dos olores e cheiros mediante o investimento necesario e suficiente por parte da empresa”.

“Demandamos tamén a posta en marcha e funcionamento das estacións que controlen e midan a calidade do aire nos puntos afectados pola actividade da empresa e a aplicación inmediata dun conxunto de medidas efectivas que eliminen os malos olores, así como a realización dunha auditoría ambiental e controis trimestrais da actividade empresarial coa comunicación posterior en pleno a esta corporación municipal por parte do alcalde, que será o responsable de esixir este control á empresa”, engaden.

Algunhas novas relacionadas