Os deputados socialistas da provincia da Coruña destacan que o novo proxecto de Lei sobre pensións “garante o poder adquisitivo e un sistema público xusto e sostible”

Os deputados socialistas da provincia da Coruña no Congreso dos Deputados, Natividad González Laso, Montserrat García Chavarría e Diego Taibo, aseguran que o proxecto de Lei sobre pensións que hoxe debate o Congreso “garante o poder adquisitivo dos cidadáns e un sistema público xusto e sostible”.

O ‘Proxecto de Lei de garantía do poder adquisitivo das pensións e outras medidas de reforzo da sustentabilidade financeira e social do sistema público de pensións’ o que fai é “subir as pensións do presente e garantir as pensións do futuro, protexendo o dereito a unha pensión digna e velando polo equilibrio do sistema de pensións entre as xeracións”.

“Ademais pon fin á reforma de pensións do PP, derrogando o factor de sustentabilidade do 2013 que reducía as percepcións do pensionista nun 30% – 40% en 20 anos”, explica García Chavarría.

Diego Taibo lembra que “o PP recortou as pensións e ademais abriu a porta á súa privatización, de igual maneira que o fixo coa sanidade ou a educación, pero hoxe, con este proxecto de lei, revértese esta situación, incrementando as pensións conforme ao IPC, subindo tamén as non contributivas un 3% e ademais garantindo un sistema público xusto e sostible”.

Pola súa parte, González Laso apunta que “o novo proxecto de lei cumpre as recomendacións do Pacto de Toledo, aprobado tamén polo Congreso en novembro de 2020, e responde ao Plan de Recuperación, transformación e resiliencia, no compoñente 30, que reorienta a política de pensións”.

A reforma ten un obxectivo concreto, fortalecer o sistema con medidas a curto, medio e longo prazo e garantir o equilibrio financeiro, coa sustentabilidade económica e social do sistema da seguridade social.

“Supón por tanto un xiro total respecto á reforma do PP, agora o estado asume o papel de garante do sistema e outorga certeza e seguridade, todo iso logrado en base ao diálogo e ao consenso político e social”, engaden os deputados da Coruña.

Cadea alimentaria

Ademáis, hoxe tamén chega ao Congreso o prxecto de Lei polo que se modifica a lei 12/2013, do 2 de agosto, de medidas para mellorar a cadea alimentaria. Coa modificación desta Lei respóndese a unha demanda histórica das organizacións profesionais agrarias, protexendo a agricultores e gandeiros, dotando de maior transparencia as relacións comerciais e eliminando prácticas desleais e reforzando a posición dos produtores para manter as súas retribucións.

Esta reforma permitirá a gandeiros e agricultores levar os seus produtos ao mercado con prezos remuneradores que aseguren a viabilidade das explotacións.

Por último, os deputados debatirán tamén na xornada de hoxe a Lei de temporalidade do emprego público e a nova Lei de tráfico.

Algunhas novas relacionadas