A dirección provincial socialista respalda ao alcalde da Baña e denuncia “o asalto ao poder do PP, que non respecta o cambio de pediron os veciños”

A Agrupación Provincial do PSdeG-PSOE na Coruña destaca os “dous anos de progreso para A Baña” do goberno municipal socialista liderado por José Antonio Pereira e considera que a moción de censura presentada polo Partido Popular e Compromiso por Galicia “responde exclusivamente a ambicións e intereses persoais”.

A dirección socialista na provincia da Coruña denuncia o “oportunismo político” do PP e do ex alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, “que lidera esta maniobra de asalto ao poder que non respecta a decisión dos veciños, que votaron polo cambio nas últimas eleccións municipais”.

Ademais, o propio Concello da Baña levou recentemente ante a Fiscalía a García Cardeso por un suposto delito de falsidade documental, pola concesión dunha licencia para celebrar eventos sobre a que pesaban informes en contra de Patrimonio.

A dirección provincial respalda por outra parte as declaracións de Pereira sobre Compromiso, unha formación que presume “de galeguista, de esquerdas e progresista, que quería un cambio e á que se lle ofreceu desde un principio un pacto de goberno, pero por motivos ocultos nunca aceptou e agora quere meter ao concello no mesmo bucle de hai 24 anos”.

A Agrupación Provincial quere destacar a o importante traballo desenvolvido polo goberno municipal socialista desde xuño de 2019 e amosa o seu convencemento “de que os veciños e veciñas falarán claro nas próximas municipais”. O pleno da moción celebrarase o 14 de decembro.

Algunhas novas relacionadas