Os socialistas de Val do Dubra solicitan a paralización das obras do Mirador do Picoto ata coñecer o impacto medioambiental desta actuación

Os socialistas de Val do Dubra demandan ao concello “a paralización das obras do mirador do Picoto para a construción dun balcón de aceiro” ata coñecer o impacto medioambiental desta actuación.

“Tiñamos coñecemento de que o Goberno municipal solicitara unha subvención á Xunta de Galicia para levar a cabo un mirador no Picoto, por un importe de 48.380,64 euros, sen coñecer máis datos do que querían executar realmente”, explica Diego Luis Díaz, portavoz dos socialistas de Val do Dubra, que tamén indica que “o pasado xoves rexistramos unha solicitude para que nos faciliten copia do proxecto, así como os permisos que poidesen ser necesarios á vista da construción que se está a levar a cabo”.

“Non nos opoñemos a poñer en valor os nosos enclaves naturais, pero sempre que non danen o entorno, polo que temos claro que non imos respaldar un proxecto que destrúa un dos iconos do noso municipio”, apunta.

O PSOE destaca que a propia resolución da Xunta de Galicia, pola cal se concede a subvención, establece claramente que “só serán subvencionables as obras que utilicen materiais construtivos que permitan a integración armónica e respectuosa coa contorna. Neste sentido, deberá evitarse o uso de asfalto ou de formigón cuando visualmente non se acomoden estéticamente co medio ambiente”. Os socialistas agardan que o goberno local tivese en conta esta disposición á hora de desenvolver as actuacións.

“Estamos seguros de que a maioría da nosa veciñanza se opón a está construción, que destrúe un miradoiro natural, simbolo das dubresas e dubreses”, engade Díaz.

“Esta obra súmase ao desnortado xeito de planificar do concello, que nos últimos tempos sorprendeunos con diferentes intervencións como a dun parque infantil na Telleira, enriba dunha estrada con moito tráfico e nun lugar no que nin tan siquera existen beirarrúas, ou a ampliación da depuradora de Bembibre, que dará servizo a un polígono inexistente, do que aínda nin temos os terreos adquiridos”, remata o portavoz do PSOE.

Algunhas novas relacionadas