Os socialistas da Coruña destacan “os 416 millóns de euros de investimento real na provincia dos orzamentos xerais do Estado”, unhas contas “cun claro compoñente social”

A Agrupación Provincial Socialista da Coruña fai unha valoración “positiva” dos Orzamentos Xerais do Estado para 2022, unhas contas cun “claro compoñente social”, ao mesmo tempo que demandan á Xunta de Galicia o mesmo esforzo inversor, sobre todo en cuestións fundamentais como a Dependencia.

Valentín González Formoso, secretario xeral provincial do PSOE, destacou que “o 55% dos recursos de Estado irán destinados a protección social, cun aumento do 25% en materia de financiamento da Dependencia”, solicitando “esta mesma aposta por parte da Xunta de Galicia, que infrafinancia aos concellos neste tema poñendo en risco a súa saúde financeira”.

Formoso realizou unha valoración dos orzamentos en rolda de prensa xunto os deputados no Congreso Montserrat García Chavarría, Diego Taibo e Natividad González Laso, e o senador Antonio Vázquez.

“Os orzamentos recollen 416 millóns de euros de investimentos reais na provincia da Coruña, dos cales 212 millóns serán para a mellora de infraestruturas estratéxicas por parte do Ministerio de Mobilidade”, apuntou o secretario xeral provincial.

“Ademais, hai unha clara aposta pola recuperación industrial e laboral da provincia, con 129 milllóns de euros para o programa das Fragatas-110 e 59,5 millóns para a construción do tan necesario taller de sub-bloques en Navantia”, manifestou.

“Á marxe destes investimentos, chegarán 111 millóns de euros do Ministerio de Transición Ecolóxica para a reindustrIalización e reactivación económica de Cerceda e As Pontes”, engadiu Formoso.

A provincia da Coruña será a quinta de España cun maior investimento, cunha media de gasto por habitante 130 euros superior á media estatal.

Pola súa parte, o deputado Diego Taibo destacou os investimentos que os orzamentos inclúen “para a rexeneración da ría do Burgo, un proxecto ao que a Xunta non destina nin un só euro, a ampliación de Alfonso Molina, da ponte da Pasaxe, e o tren ao porto exterior”.

Por último, Natividad González Laso lembrou outros investimentos que chegarán a Ferrol, en concreto “para o Castelo de San Felipe, a humanización da vía das Pías e ao conxunto da industria naval”.

Algunhas novas relacionadas