O PSOE provincial esixe á Xunta “contratos estables e ben remunerados para evitar que os médicos e enfermeiros marchen de Galicia”, destacando o traballo dos profesionais na pandemia

O Grupo de Sanidade da Agrupación Provincial Socialista da Coruña reuniuse para avaliar a situación do sistema sanitario público pasados os meses máis complicados da pandemia da Covid-19.

Os asistentes puxeron en valor o inmenso traballo realizado durante a pandemia por todo o sistema de saúde, pero en especial a Atención Primaria, que contivo a meirande parte dos enfermos.

En Galicia hai 450 médicos por cada 100.000 pacientes, cando a media en España é de 480. O Grupo de Sanidade do PSOE provincial considera que “a forma de manter os profesionais da medicina e a enfermería que se forman en Galicia é con contratos estables e ben remunerados; a política da Xunta de cubrir os contratos por días, ou inclusive por gardas no caso dos médicos, fai que marchen de Galicia a por un mellor futuro”.

“Os traballadores sanitarios protestan porque a Xunta quere cargarse a atención primaria. Feijóo é un experto privatizador, creando espazos de negocios para as grandes corporacións tecnolóxicas, radiolóxicas, farmacolóxicas, etc. Os hospitais privados están encantados porque se lles derivan moitos pacientes dende a sanidade pública coa excusa de que teñen mellor equipamento”, afirma Jesús Pedreira, secretario provincial de Sanidade.

“Non necesitamos aparatos máis modernos, o que necesitamos é tempo co paciente, e iso só se consegue con máis persoal”, lembran os socialistas.

Con respecto á saúde mental, presentouse un novo plan da Xunta en este campo para facer fronte ás secuelas da Covid-19, “pero advertimos da falta de transparencia e control nos recursos destinados; a Xunta fala dun investimento de 83 millóns de euros para a incorporación de 241 novos profesionais ao longo de catro anos, pero xa nos dous primeiros anos o número é impreciso”.

“Na área sanitaria da Coruña o que se produciu foi un baile de profesionais, rompendo coa continuidade terapéutica tan necesaria para garantir unha atención de calidade”, aseguran no grupo de sanidade.

Balance

Durante os últimos catro anos, o Grupo de Sanidade socialista analizou o sistema sanitario galego cunha mirada especialmente posta na provincia. A través de reunións presenciais e telemáticas criticouse a falta de profesionais, o maltrato á atención primaria, a necesidade de reforzo dos profesionais en saúde mental ou a falta de pediatras.

Os socialistas analizaron tamén a necesidade de implementación na Primaria de profesionais de especialidades a maiores do eixo médico-enfermeiro ou a necesidade de renegociación das condicións laborais dos profesionais, dando a voz de alarma en moitas ocasións sobre as políticas privatizadoras da sanidade do PP.

Jesús Pedreira foi secretario de Sanidade na última executiva provincial, e trala súa xubilación nos últimos meses, abandoará tamén a actividade política tralo cambio de órganos provinciais previsto nos próximos meses. “Quero dar as grazas a todos os participantes neste grupo: permanecerei sempre para botar unha man de quen o precise no partido”.

Algunhas novas relacionadas