O Concello de Touro aproba por unanimidade unha moción impulsada polos socialistas “en defensa dos servizos básicos no municipio, como as oficinas bancarias e a sanidade”

O pleno do Concello de Touro aprobou por unanimidade unha moción presentada polo PSOE para “defender os servizos básicos da poboación do municipio, como son o servizo bancario e a sanidade”. PP, BNG e Marea Veciñal de Touro votaron a favor.

“Na primeira parte da moción amosamos a nosa preocupación sobre a posibilidade do peche da sucursal de Abanca en Touro, instando ao alcalde a recabar toda a información posible sobre a situación no noso concello, á vista dos peches que se están producindo noutros concellos do rural”, afirma Gema López, portavoz dos socialistas de Touro.

Ante a negativa do alcalde a preguntar á entidade polos seus plans, López engadiu que “vostede, como alcalde de Touro, ten a responsabilidade de informarse e comprometerse a tomar as medidas necesarias para que este peche non se leve a cabo, polas desastrosas consecuencias que causaría”.

“A súa preocupación polo seu concello queda máis que reflectida na súa reticencia a non posicionarse a favor dunha veciñanza composta principalmente por persoas maiores, que necesitan ser atendidas en oficinas e cun trato persoal; o PP pretende vender unha lexislatura do rural, cando nin aposta con firmeza por loitar pola permanencia da única sucursal bancaria que temos”, manifestou a portavoz do PSOE.

Na segunda parte da moción, os socialistas instaban ao alcalde a esixir a Sanidade a inmediata reposición do servizo de pediatría no centro de saúde do concello, xa que a única opción agora mesmo “é o desprazamento ao centro de saúde do Pino”.

“É unha vergoña escoitar por parte dunha concelleira do grupo de goberno que o centro de saúde do Pino está moito mellor, que non sei para que queremos ter pediatra en Touro; esas declaracións públicas, xunto coas do alcalde, que di que as nais están dacordo en que non haxa pediatra, ainda nos dan máis forza para esixir a volta inmediata da atención presencial deste servizo”, rematou Gema López.

Algunhas novas relacionadas