Os socialistas da provincia da Coruña aproban as emendas ao Congreso Federal do PSOE, que reflicten “moita implicación das agrupacións para mellorar a sociedade”

Os delegados e delegadas socialistas da provincia da Coruña que asistirán ao Congreso Federal do PSOE, que se celebrará dentro de dúas semanas en Valencia, aprobaron hoxe as emendas presentadas polas agrupacións.

En concreto, nesta Convención precongresual provincial aprobáronse un total de 153 emendas, das cales 142 son á Ponencia Marco do congreso e once á revisión dos estatutos do partido.

O secretario xeral do PSOE provincial e cabeza de lista da delegación coruñesa no Congreso Federal, Valentín González Formoso, destacou ante os medios de comunicación “a implicación das agrupacións neste proceso, o que reflicte o talento que temos no partido e a ilusión por cambiar e dinamizar a sociedade”.

“Moitas das emendas son relativas á igualdade, o feminismo ou a transición ecolóxica, temas que preocupan na nosa provincia e en Galicia”, engadiu Formoso.

“Queremos traballar polo benestar social, a igualdade, a dependencia ou a necesidade de que o talento non marche, sen esquecer que Galicia debe ter un papel protagonista en aspectos que serán claves en Europa ata o 2030 como a descarbonización, a dixitalización e a economía circular”, rematou o secretario xeral provincial.

Os socialistas da Coruña asistirán ao congreso federal cunha lista de consenso despois de escoitar e reunirse coas agrupacións da provincia, aglutinando todas as sensibilidades co único obxectivo de traballar para a cidadanía. É unha lista paritaria e cunha importante presenza da política municipal.

Algunhas novas relacionadas