Os socialistas de Touro instan ao goberno local “a defender os servizos básicos do municipio, como as oficinas bancarias e a sanidade”

Os socialistas de Touro presentarán no Pleno Municipal de mañá unha moción para “defender os servizos básicos da poboación do municipio, como son o servizo bancario e a sanidade”.

Dunha banda, “nas últimas semanas estamos vivindo do peche de varias sucursais de ABANCA en localidades rurais como son A Baña e Vimianzo”, explica Gemma López, voceira dos socialistas en Touro.

“Rexeitamos estes peches, que deixan á veciñanza sen punto de atención para as súas dilixencias bancarias, xa que non existe outro banco que opere no municipio. Estes casos son moi parecidos aos que teriamos en Touro, onde tamén só dispoñemos dunha única sucursal bancaria, a de ABANCA”, engade.

Os socialistas recalcan que os sucesivos peches de sucursais de ABANCA repercutirán “moi negativamente na calidade de vida da poboación de máis idade, en especial nos concellos rurais de menos de 5.000 habitantes, como é Touro”. Subliñan ademais que as persoas maiores non teñen acceso ás novas tecnoloxías coas que se pretende substituír o trato persoal cos empregados, “pechala imposibilita que unha parte da veciñanza realice calquera trámite bancario e obriga a desprazarse a outros concellos a realizalos”.

Para os socialistas, “pechar as oficinas bancarias en pequenas poboacións camiña en sentido contrario ás políticas de recuperación do rural e de igualdade de oportunidades para as localidades máis pequenas, que a sociedades reclama actualmente”.

Doutra banda, Recordan a existencia “doutro grave problema en Touro relacionado co servizo de pediatría”. Antes da pandemia, “en marzo de 2020, Touro contaba unicamente con servizo de atención pediátrica dous días á semana, o cal suscitaba importantes criticas por ser un problema moi grave para a veciñanza que se vía na obriga, outras veces na imposibilidade, de desprazarse ao concello do O Pino, nos días en que non había o servizo en Touro”, sinalan.

As restricións motivadas pola pandemia provocaron a supresión do servizo de pediatría en Touro. Porén, “coa volta á normalidade, cómpre repoñer este servizo básico canto antes no centro de saúde de Touro, que non ten ningunha razón de continuar suspendido, deixando indefensa e desprotexida á infancia”, reclaman os socialistas.

Algunhas novas relacionadas