Os socialistas esixen no Parlamento explicacións do conselleiro de Medio Rural sobre a subvención do GDR Ulla-Tambre-Mandeo á portavoz do PP de Melide

Os socialistas levan ao Parlamento de Galicia a polémica subvención de 177.643,08 euros do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ulla-Tambre-Mandeo a un proxecto do que é promotora a portavoz do PP de Melide, Dalia García Couso, uns feitos que consideran “moi graves”.

Tamén consideran moi grave o control político que o PP exerce sobre a xunta directiva do GDR, xa que dos 20 membros, 10 son cargos públicos ‘populares’; catro por ser alcaldes, cuestión que é conforme aos estatutos, pero seis son concelleiros do PP na oposición ou en goberno representando a asociacións, o que reflicte unha clara intencionalidade de control político.

Con esta manobra, o PP tenta así burlarse do estipulado nos estatutos básicos dos 24 GDR de Galicia, os cales reflicten que para a composición das xuntas directivas “o número de representantes do sector privado sempre debe ser superior ao número de representantes do sector público”.

“Na actualidade, a Xunta Directiva do GDR está conformada, entre outros, polo presidente, alcalde do Pino do PP; polos vicepresidentes: o alcalde de Touro (PP) e a alcaldesa de Boimorto (“ex-PP” polo asunto da vacina da covid-19); polo tesoureiro, o alcalde de Vilasantar (PP) e pola secretaria, Dalia García Couso, voceira do PP no Concello de Melide, que despois de deixar de ser alcaldesa en xuño do ano 2019, inmediatamente entrou na directiva do GDR, en representación dunha asociación veciñal á que non se lle coñece actividade e coa que non ten ningunha vinculación”, lembran os socialistas nas iniciativas rexistradas no Parlamento pola deputada Begoña Rodríguez Rumbo.

O PSOE solicita ver o expediente da subvención e explicacións en pleno e comisión, así como o pronunciamento do conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez.

A controversia xurde cando na reunión da Xunta Directiva do GDR celebrada en xullo, aprobouse dotar con 177.643,08 euros un proxecto do que Dalia García Couso é promotora, consistente na rehabilitación de antiga casa reitoral de Santo Estevo de Vilamor, en Toques, para a posta en marcha dun establecemento de hospedaxe no Camiño de Santiago, cun custo total que ronda os 380.000 euros.

O proxecto de Dalia García recibiu unha maior puntuación por parte do GDR Ulla-Tambre-Mandeo que outras iniciativas sociais como un centro de día para o Concello do Pino.

José Antonio Prado García, portavoz dos socialistas de Melide, solicitou ver o nomeamento de Dalia García Couso como representante da asociación de veciños O Leboreiro no GDR, e ao mesmo tempo, engade Prado “solicitaremos revisar os estatutos do GDR UTM, que non están publicados na súa web”.

 

Algunhas novas relacionadas