O PSOE Provincial denuncia o ataque á igualdade de oportunidades da prohibición da Consellería de Educación de impartir materias con menos de 5 alumnos

A Agrupación Provincial Socialista da Coruña considera a circular da Consellería de Educación prohibindo impartir materias que non conten con, polo menos, cinco alumnos matriculados, “un ataque frontal contra a igualdade de oportunidades do noso alumnado”.

“Esta decisión implica que o estudantado, sobre todo de localidades pequenas, como Ponteceso, Melide ou Sada, teña que renunciar ás materias elixidas para o seu itinerario académico, é dicir, ten que renunciar á súa vocación, ao seu futuro”, explica Estrella Jiménez, secretaria socialista de Educación.

A socialista pon o exemplo do alumnado que queira estudar Xornalismo, Filoloxía ou Historia, “que son privados de aprender latín ou grego”. Na mesma situación está o alumnado que desexe estudar unha materia de ciencias sociais, como Socioloxía ou Economía, “que son privados de estudar as matemáticas aplicadas, necesarias para esas carreiras”.

Os socialistas recalcan que non se trata dun problema de eficiencia, “xa que algunhas desas negativas danse desde a consellería, mesmo existindo recursos nos centros para impartir estas materias”. Jiménez califica de “desprezo desde os despachos ao ensino de calidade, á igualdade de oportunidades e ao mantemento dos centros no rural galego”.

Doutra banda, “a Consellería lanza programas para os centros educativos nos que insta o profesorado a participar, á conta de que ese profesorado sexa substituído nas súas funcións docentes”.

Neste senso, os socialistas da provincia da Coruña aplauden “a creación de iniciativas como as Redes de Apoio Emocional para alumnado e familias ou Redes de Mentores para dixitalizar os centros”. Non obstante, os socialistas recalcan “que é inaceptable que os membros desas redes sexan profesores que fan función de psicólogos, traballadores sociais ou mesmo, informáticos”.

“Desde o PSOE da Coruña denunciamos, unha vez máis, a chantaxe que se fai ao profesorado facéndoo responsable de competencias que non son propias da función docente e atribuíndolle responsabilidades para as que non está preparado”, subliña a secretaria socialista de Educación.

“Esiximos á consellería que manteña ao profesorado nas súas funcións, é dicir, dando clase e atendendo aos alumnos en toda a variedade do seu currículo”, engade Jiménez.

Por último, recalcan a necesidade de “dotar aos centros de profesionais adecuados para atender outras necesidades, vinculadas aos centros pero que non son estritamente académicas: atención e acompañamento emocional, relación con outras institucións de apoio social ou a mellora das competencias dixitais do profesorado”.

“É unha cuestión de xustiza social para o alumnado e de dignidade profesional para o profesorado”, finaliza a socialista.

Algunhas novas relacionadas