
Os socialistas de Malpica denuncian “a obstaculización do partido popular ás relacións do goberno local socialista coa Xunta”
Os socialistas de Malpica denuncian que a Xunta de Galicia “ignorou e desatendeu a Malpica durante a época do goberno local socialista que dirixía Walter Pardo”.
“As relacións que pretende agora retomar o goberno local do Partido Popular coa Xunta rompéronse por culpa do Partido Popular no goberno autonómico”, recalca Pardo. Neste senso, explica que o PSdeG de Malpica “sempre estivo en contacto coa Xunta de Galicia, quen fixo sempre oídos xordos ás peticións dos socialistas”.
“A cidadanía de calquera concello ou comunidade autónoma é libre de votar ao partido político que crean que ten o mellor equipo para gobernar e xestionar cada institución e incluso sen coincidir os partidos políticas en todas elas”, explica Pardo.
“Se a cidadanía escolle partidos políticos diferentes para gobernar nas institucións, os gobernos temos a responsabilidade de colaborar e traballar xuntos para atender á nosa cidadanía”, engade.
O voceiro socialista recalca a desatención e a obstaculización da Xunta de Galicia ás relacións co Concello de Malpica. “A xestión e goberno dos recursos de toda a cidadanía nas institución deben priorizar o interese xeral e a relación leal entre elas”, subliña o socialista.
“En vez de apostar pola cooperación e coordinación entre institucións, o goberno do Partido Popular na Xunta de Galicia dedícase a facer unha política sectaria”, engade. Como exemplo desta situación, o socialista recalca “as numerosas peticións do Concello de Malpica desatendidas pola Xunta de Galicia por ser de distinta cor política”.
A esta “discriminación por parte da Xunta á cidadanía de Malpica”, súmase á moción presentada polo Partido Popular no Concello de Malpica para “que tampouco respecta a decisión do pobo”.
Os socialistas recalcan que o Partido Popular “non fixo en dous anos nin unha soa proposta en positivo, polo que este asalto ao poder é unha pésima noticia para a cidadanía de Malpica”.
“A pesar das continuas negativas e obstaculizacións do Partido Popular nas relacións coa Xunta de Galicia, os socialistas no goberno local logramos desbloquear importantes proxectos. Agora, retomarase a inacción que caracterizou xa a anteriores gobernos populares”, subliña Pardo.
Entre as relacións coa Xunta de Galicia impulsadas polo goberno socialista de Malpica nos últimos dous anos e medio, Pardo recalca “as xestións con Portos para mellorar os servizos portuarios do municipio, as demandas á Xunta para mellorar a seguridade nos centros públicos ou os avances con Augas de Galicia na rede de saneamento”.
“Todas elas foron xestións impulsadas polos socialistas e obstaculizadas por un goberno do Partido Popular que non atende a aqueles que non son do seu partido”, finaliza Pardo.