A Agrupación Socialista de Irixoa esixe medidas urxentes para garantir a cobertura telefónica e de televisión no municipio

Os socialistas de Irixoa denuncian “o deficiente servizo de cobertura telefónica e de televisión en practicamente a totalidade do municipio”. A voceira socialista en Irixoa, María José Cal, pide “unha solución urxente á Xunta de Galicia, para rematar con este abandono do rural, condenado á inconexión”.

“Dende o Grupo Socialista levamos tempo intentando solucionar os problemas de cobertura de televisión co servizo de avarías da TVG”, explica a voceira socialista María José Cal. “Porén, neste servizo non consta ningunha avaría na instalación, polo que o problema sería do escaso sinal que chega a Irixoa”, engade.

Ao deficiente sinal de televisión súmanse os problemas coa rede de telefonía, que impide chamar por teléfono ou conectarse a Internet. “Dunha banda, as persoas maiores teñen medo de quedar soas, xa que de ocorrer algún problema non poden avisar ou chamar a unha ambulancia”, sinalan os socialistas. Unha situación que o grupo municipal considera “inxusta coas persoas que viven no rural e sobre todo cos nosos maiores”.

Doutra banda, “a conexión a internet é inviable para teletraballar ou estudar, con continuos problemas de rede”, sinala a voceira. “De novo, o rural atópase en inferioridade, xa que a telefonía, e sobre todo nos tempos actuais, é un servizos básico”, engade Cal.

“Todas as parroquias do municipio están afectadas, polo que é inviable pretender que a poboación continúe no rural se non ofrecemos un servizo de calidade”, puntualiza a portavoz.

Algunhas novas relacionadas