A dirección provincial socialista respalda ao alcalde de Malpica e denuncia “a maniobra de asalto ao poder con fins ocultos do PP, que non respecta a decisión do pobo”

A Agrupación Provincial Socialista respaldou hoxe ao alcalde de Malpica, Walter Pardo, e ao seu equipo de goberno, lamentando “a maniobra de asalto ao poder con fins ocultos do PP” coa moción de censura que se materializará este venres.

“En nome da dirección provincial, quero deixar claro o noso respaldo firme e pechado a Walter Pardo e a todo o seu equipo de goberno; hai dous anos os socialistas afrontamos unha renovación en Malpica conformando un equipo que fixo un gran traballo e combina xuventude, experiencia e ilusión”, asegurou nunha rolda de prensa celebrada no casa do concello José Manuel Lage, secretario de Organización do PSOE coruñés.

“Estamos ante unha maniobra do Partido Popular, un regreso ao pasado e ás peores prácticas que hai na política; o PP non respecta a decisión do pobo de Malpica e utiliza a Alfredo Cañizo como unha marioneta para defender non se sabe que intereses”, aseverou.

Lage engadiu que “o PP non presenta unha soa proposta, os propios medios de comunicación destacaron o silencio da proposta, é só un asalto ao concello, a toma do poder polos que durante oito anos mantiveron parado o Concello de Malpica.

En palabras do secretario de Organización, “un paso atrás para o pobo de Malpica, unha maniobra de asalto ao poder con fins e obxectivos ocultos a través dun acto de tapadillo”.

“O goberno e o alcalde son persoas íntegras e honestas, que traballaron polo interese xeral do pobo de Malpica con acertos e erros, como todos os gobernos, facendo un gran traballo do que pretenderá apropiarse e aproveitarse o novo goberno”, rematou.

Pola súa parte, Walter Pardo criticou “a moción da vergonza que viviremos este venres utilizando a un concelleiro non adscrito, cunha escusa ridícula como é a suposta inacción do goberno, algo que deberán valor os veciños, non eles nun despacho”.

O alcalde lembrou “os 850.000 euros en proxectos que van comezar o polos que tanto traballamos, así como o 1.700.000 euros en remanente que temos dispoñible para mellorar a vida nas parroquias; o PP coñece esta situación e quere agora apropiarse da xestión”.

Por último, interviu tamen José Antonio Viña, coordinador comarcal: “Unha pésima noticia para o pobo de Malpica, porque volve o grupo de goberno que tivo Malpica paralizada durante oito anos, nos próximos meses regresarán a inacción e os líos internos, ocupar o poder para non facer nada”.

Tanto Pardo, como Lage e Viña comprometéronse a “seguir traballando por e para Malpica desde a oposición municipal, a Deputación, o Parlamento de Galicia e Madrid, pero sen prestarnos a ningún tipo de trapallada, defendendo o servizo público como fixo o grupo de goberno estes dous anos”.

Algunhas novas relacionadas