Os socialistas propoñen reactivar o proxecto de rexeneración da praia de Sada cun investimento de 2’5 millóns de euros

Onte aprobouse a moción presentada polo Grupo Municipal Socialista de Sada para instar ao Ministerio de Transición Ecolóxica a “retomar as obras de rexeneración da praia de Sada”.

“No ano 2002”, explican os socialistas, “elaborouse un estudo das causas da perda de area nas praias co obxectivo de redactar un proxecto que recuperase o equilibro dinamiconatural no Pedrido e a súa contorna, incluíndo praias urbanas de Sada”.

A raíz de presións de grupos ecoloxistas pola súa posible afectación, este proxecto fora paralizado en 2017 polo goberno municipal de Sada Maioría. Neste sentido, os socialistas recalcan que de retomar a iniciativa “contaría con todas as garantías de impacto medioambiental, xa que os técnicos avalan a positividade do proxecto a nivel ecolóxico”.

Os socialistas consideran este proxecto “esencial para Sada, dada importancia do sector turístico no municipio, que permitiría dinamizar a actividade económica e o emprego”. O grupo municipal socialista engade que a recuperación da praia “ademais de beneficiar aos turistas, é unha necesidade da cidadanía de Sada”.

Recentemente, os socialistas mantiveron encontros coa Subdelegación do Goberno en Galicia para determinar a viabilidade deste proxecto. A disposición do goberno central é positiva de cara a este proxecto, que implicaría un revulsivo na economía, o turismo e a hostelería sadense.

“Dende a Administración Xeral do Estado nos trasladan que é un proxecto a retomar, mais o Concello de Sada debe apoiar a iniciativa”, explican os socialistas.

Deste modo, os socialistas lograron o apoio a súa moción para desbloquear este investimento de 2’5 millóns de euros para Sada e instar ao Ministerio para  a   Transición   Ecolóxica   e   o   Reto Demográfico  a  impulsar  definitivamente as actuacións  medioambientais na praia de Sada.

Algunhas novas relacionadas