O PSOE provincial destaca “os dous anos de progreso para Malpica” do Goberno municipal de Walter Pardo e afirma que a moción de censura responde só a “ambicións e intereses persoais”

A Agrupación Provincial do PSdeG-PSOE na Coruña destacou os “dous anos de progreso para Malpica” do goberno municipal liderado por Walter Pardo Añón e afirmou que a moción de censura rexistrada hoxe polo Partido Popular e o independente Alfredo Cañizo “responde exclusivamente a ambicións e intereses persoais”.

A dirección socialista na provincia da Coruña denuncia a “incoherencia” e “oportunismo político” dun PP que nestes dous anos “só se dedicou a obstaculizar e criticar a xestión do municipal do Goberno municipal sen ofrecer nin unha proposta en positivo para o pobo”.

Boa parte das críticas do PP centráronse na acción desenvolvida polo goberno municipal en materia de Servizos, Seguridade Cidadá, Medio Rural e Turismo, responsabilidade de Alfredo Cañizo, ao que os populares pretenden agora manter ao frente destas áreas e “premiar” cunha tenencia de alcaldía que o concelleiro independente estableceu como requisito indispensable para apoiar a moción de censura, o que demostra que PP e Cañizo comparten un único obxectivo: acceder ao poder a calquera prezo.

A Agrupación Provincial que lidera Valentín González Formoso quere destacar a o importante traballo desenvolvido polo goberno municipal de Walter Pardo nos últimos anos, dando un novo pulo ás infraestruturas do muncipio, ao polígono industrial ou ao Forno do Forte de Buño e apoiando ao sector tutístico e pesqueiro. Pardo apostou tamén por un entendemento entre administracións que foi clave para desbloquear proxectos fundamentais para Malpica que levaban anos no caixón, como o novo convenio coa Xunta para o Centro de Día.

O PSOE provincial e local seguirán traballando conxuntamente para mellorar o pobo de Malpica, poñendo os intereses da cidadanía por enriba de calquera interés persoal ou partidista.

Algunhas novas relacionadas