Os socialistas de Melide denuncian que o GDR Ulla-Tambre-Mandeo subvenciona con 177.000 euros un proxecto privado do que é promotora a portavoz do PP de Melide, Dalia García

Os socialistas de Melide queren facer público o acontecido o día 27 de xullo na reunión da Xunta Directiva do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ulla-Tambre-Mandeo, uns feitos que consideran “moi graves”.

Cómpre recordar que a Xunta Directiva do GDR está conformada, entre outros, polo alcalde do Pino (PP) como presidente, e como vicepresidentes os alcaldes de Touro, do PP, e a alcaldesa de Boimorto, “ex-PP” polo asunto da vacina do COVID-19.

O tesoureiro é o alcalde de Vilasantar (PP) e a secretaria Dalia García Couso, voceira do PP no Concello de Melide, que despois de deixar de ser alcaldesa en xuño do ano 2019 entrou na directiva do GDR, en representación dunha asociación veciñal “á que non se lle coñece actividade e coa que non ten vinculación algunha”.

Na última reunión da Xunta Directiva do GDR, apróbase dotar con 177.643,08 euros un proxecto do que Dalia García Couso é promotora, consistente na rehabilitación de antiga casa reitoral de Santo Estevo de Vilamor, en Toques, para a posta en marcha dun establecemento de hospedaxe no Camiño de Santiago, cun custo total que ronda os 380.000 euros.

O proxecto de Dalia García recibiu unha maior puntuación por parte do GDR Ulla-Tambre-Mandeo que outras iniciativas sociais como un centro de día para o Concello do Pino.

“Os veciños e veciñas merecen unha explicación clara e contundente dun feito ao noso xuízo grave, pois estamos ante a aprobación dun proxecto particular dun membro da directiva do GDR, Dalia García, que se financiará con cartos públicos”, engade José Antonio Prado.

Algunhas novas relacionadas