
Os socialistas de Ordes recollen máis de 1.000 sinaturas de veciños en contra do peche de abanca en mesón do vento e esixen á entidade “unha moratoria na súa decisión”
A Agrupación Socialista de Ordes puxo en marcha unha iniciativa de recollida de sinaturas de veciños e veciñas afectadas polo peche da oficina de Abanca en Mesón do Vento.
“Xa temos máis de 1.000 sinaturas e demandamos á entidade unha moratoria na súa decisión de pechar o día 21 a oficina, deixando sen un servizo básico aos veciños”, asegura Jesús Raña, secretario xeral do PSOE de Ordes.
Os socialistas apoiaron desde o primeiro momento aos veciños, cos que se concentraron esta mesma semana para apoiar as súas demandas, e lamentan que o concello “reaccionase demasiado tarde neste tema”.
“Defendemos os intereses dos veciños e veciñas, non todo podo decidirse en función da rendabilidade e os beneficios, é un servizo importante que se perde”, explica Raña.
“Hai persoas maiores que teñen problemas para solucionar as súas xestións na banca electrónica ou nun caixeiro e deberán desprazarse para atopar unha oficina de atención presencial”, lamenta o PSOE.
“As oficinas físicas aínda son importantes para moitas xestións, pechalas é unha perda de servizos importante, por iso demandaremos a Abanca que reconsidere a medida”, remata o secretario xeral dos socialistas de Ordes.
Aínda que Abanca é unha entidade privada, realizanse nas súas oficinas moitas xestións públicas, como o pago de taxas, impostos e matrículas académicas.
A nivel autonómico, o PSdeG presentou ante a Mesa do Parlamento de Galicia unha proposición non de lei para instar o Gobierno de España a promover un marco xurídico e regulatorio axeitado que garanta o dereito de dos galegos a acceder aos servizos financeiros básicos.