A agrupación socialista de Lousame esixe medidas urxentes para que as zonas rurais do concello “teñan unha cobertura de telefonía móbil e internet digna”

Os socialistas de Lousame esixen a adopción de medidas urxentes para que “as zonas rurais do noso concello teñan cobertura de telefonía móbil e internet”.

“Hai veciños que teñen que saír das súas vivendas e moverse unha distancia considerable para poder falar por teléfono, unha situación moi perigosa sobre todo pola xente maior que vive no rural, que nin pode avisar unha ambulancia se a precisan”, asegura a concelleira socialista Beatriz González Bargo.

“Levamos xa moito tempo con este problema en Lousame, non podemos pretender que a xente viva no rural se non ten uns bos servizos”, engade González Bargo.

“En xullo do ano pasado, en plena pandemia, a alcaldesa falou duns repetidores que ía poñer a Xunta, pero aínda non chegaron e imos comezar en setembro un novo curso escolar sen o problema solucionado”, advirte.

Durante o confinamento, as familias con nenos e nenas en idade escolar recibiron un router portátil para poder seguir o curso e as tareas, “pero foi unha solución provisional, as parroquias necesitan unha cobertura digna”.

“Fálase do 5G pero aquí en Lousame non temos nin 3G, a telefonía é un servizo básico, ademais dos problemas laborais que supón vivir sen cobertura nestes tempos de tanto teletraballo”, remata a concelleira socialista.

Algunhas novas relacionadas