González Formoso agradece ao Goberno o “paso histórico” que supón abrir Meirás á cidadanía

O presidente da Deputación da Coruña e secretario xeral da Agrupación Provincial Socialista, Valentín González Formoso, destacou hoxe “o paso histórico” que supón abrir o Pazo de Meirás á cidadanía e agradeceu ao Goberno o seu comporomiso para recuperar o inmoble e “gañar a liberdade, o maior valor que ten unha sociedade plural como a española”.

González Formoso participou esta mañá no Pazo de Meirás, xunto á vicepresidenta do Goberno, Carmen Calvo, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o alcalde de Sada, Benito Portela, no acto de sinatura do protocolo de coordinación de actuacións das administracións para a xestión no Pazo de Meirás.

Formoso agradeceu o traballo realizado por todas as persoas e institucións para que este día chegara. “A Deputación foi protagonista na cesión deste pazo ao dictador, pero tamén protagonista lexítima da súa recuperación para o patrimonio público a través da Xunta Pro Devolución do Pazo”, afirmou o presidente, que destacou o apoio unánime de todas as forzas políticas da corporación provincial neste asunto.

“Quero agradecer e destacar o papel e o impulso que deron dúas persoas para que esto sexa unha realidade: a vicepresidenta Carmen Calvo e secretario de Estado de Memoria Histórica, Fernando Martínez”, subliñou.

O presidente da Deputación citou a Martin Luther King para dicir que “a liberdade no nos ven dada, hai que gañala”. “Este tipo de pasos fan que gañemos a liberdade, o maior valor que ten unha sociedade democrática e plural como a española”, afirmou González Formoso, que agredeceu ao Goberno “este paso histórico que permite que os galegos e as galegas gañemos a liberdade”.

A vicepresidenta primeira do Goberno e ministra da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática, Carmen Calvo, pediu ás institucións que xestionen o pazo de Meirás facelo de forma “leal” e “eficiente” para narrar de forma “fidedigna” a historia.

“O noso paso polos cargos é efímero, pero as nosas firmas e a nosa presenza hoxe aquí significa moito”, dixo Calvo tras asinar un protocolo sobre ese pazo utilizado polo ditador Francisco Franco e os seus familiares que os tribunais consideraron de propiedade pública.

Neste sentido, a vicepresidenta preconizou que para “proxectar a memoria democrática ao futuro” necesítase “ter acreditada a verdade do pasado” e expresou a súa esperanza de poder entregar aos máis novos o legado de “a dignidade”.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, aludiu á discusión sobre a titularidade dos bens no interior do edificio e sinalou que os gobernos autonómico e central buscan “garantías” para protexer os que teñen valor patrimonial público. O Goberno central “pode contar coa Xunta na reclamación da propiedade pola vía civil, que é o que pode posibilitar que os bens pasen a propiedade pública”, afirmou.

Tamén destacou o interese en restituír o valor da figura de Pardo Bazán nese inmoble, para “compaxinar” e reflectir “a superioridade dos valores democráticos” e render homenaxe a “a tolerancia, o respecto e a dignidade”, sinalou Rodríguez.

Pola súa banda, Portela advertiu de que “a integridade deste sitio histórico aínda corre perigo” e dixo que “hoxe sería un día para que o Estado e a Xunta fixesen un anuncio”, o primeiro sobre a presentación dunha demanda pola titularidade dos bens mobles e o segundo ampliar o expediente de declaración de ben de interese cultural ao mobiliario do pazo.

O alcalde de Sada agradeceu o “esforzo” das asociacións en pro da memoria histórica e pediu converter en inmoble nun espazo de “participación” pública e de homenaxea ás vítimas do franquismo.

A alcaldesa da Coruña afirmou que a apertura é un “símbolo de conviccións democráticas” que “devolve a dignidade a quen houbo de pasar polo desprezo e o saqueo”.

Ao acto tamén acudiu o secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, e o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones.

O horario provisional de visitas este verán será de martes a xoves polas tardes e venres e sábados todo o día, mentres que os domingos será de mañá.

O protocolo prevé que a Xunta se ocupe dos temas relacionados coa cultura no pazo, o Concello da Coruña asuma a difusión dos traballos e a Deputación coruñesa colabore na promoción cultural.

O Concello de Sada establecerá as condicións de acceso aos xardíns e a Administración Xeral do Estado coordinará ás institucións e será a encargada da custodia, vixilancia e conservación do inmoble.

Algunhas novas relacionadas