Os socialistas de Touro presentan unha moción para instar á Xunta a mellorar a deficiente situación do centro de saúde do municipio

Os socialistas de Touro defenderon no Pleno Municipal de hoxe unha moción para “dignificar a sanidade pública en Touro”. A proposta socialista inclúe varios puntos para esixir á Xunta de Galicia mellorar a sanidade pública galega.

“A xestión da sanidade pública xa non gozaba de boa saúde antes da pandemia. Despois de máis dun ano da mesma, podemos presumir do noso sistema sanitario só grazas ao traballo impagable e incansable dos seus e das súas profesionais”, sostén a voceira socialista, Gemma López.

Dentro do sistema sanitario, os socialistas resaltan “a deficiente situación da Atención Primaria, obxecto de debate e de queixas continuas por parte de colectivos de profesionais e usuarios, mesmo antes da pandemia”.

Os socialistas recordan ademais que estas eivas na sanidade pública provocaron un gran descontento entre a poboación. “De feito, xurdiu unha Plataforma Veciñal en defensa do Centro de Saúde de Touro, á principios do pasado ano”, afirma a voceira municipal.

Entre as deficiencias do sistema sanitario galego, a voceira socialista destaca “a falta de profesionais, a escasa organización dos centros de saúde, a ausencia da atención primaria nos órganos de dirección, así como unha gran falta de coordinación entre a dirección do sistema sanitario e os profesionais”. Ademais, “co COVID-19 intensificáronse todos estes problemas”, engaden.

“Dende o comezo da pandemia, en marzo 2020, a situación de xestión agravouse, dada a suspensión de consultas e probas diagnósticas, derivando nunha dilatada lista de agarda no noso sistema sanitario”, recalca a portavoz socialista.

Respecto ao caso concreto do municipio de Touro, os representantes socialistas subliñan: “as baixas non se cobren, un facultativo debe atender todo o centro cando o outro está ausente, ademais a accesibilidade física ao centro de saúde é deficiente”.

A estas eivas, os socialistas engaden “unha falta de previsión para cubrir os períodos vacacionais dos facultativos, así como a urxente necesidade dun reforzo no servizo de pediatría”.

Os socialistas pedirán “instar ao goberno galego a elaborar un plan para recuperar o sistema sanitario público de Galicia”. Ademais, tamén esixirán á Xunta de Galicia “a modificación dos orzamentos da comunidade autónoma para incrementar o número de sanitarios, así como dotalos de estabilidade laboral”.
Para os socialistas, é hora “de poñer fin a elevada precariedade laboral existente no sistema sanitario galego”.

Algunhas novas relacionadas