Valentín González Formoso destaca a importancia de “aproveitar a oportunidade dos fondos europeos para conectar o mundo rural e o emprego”

A Agrupación Provincial Socialista da Coruña organizou onte unha xornada en liña sobre “O reto demográfico e as políticas públicas”, para tratar un dos desafíos máis importantes tanto para o país, como para o propio partido. A xornada estivo conducida por Obdulia Taboadela, secretaria provincial de Estudos e Programas.

Valentín González Formoso, secretario xeral dos socialistas na provincia, inaugurou as xornadas, dando conta da importancia dos Fondos Europeos para o rural e, sobre todo, para os concellos galegos. “Estes fondos precipitan unha nova forma de entender Europa e incorporar eixos estratéxicos como a transición ecolóxica, o reto demográfico ou a dixitalización, que lle daría un bo impulso aos concellos pequenos”, afirmou.

O secretario provincial recalcou ademais a importancia de “aproveitar esta oportunidade dos Fondos Europeos para conectar o mundo rural e o emprego”. González Formoso incidiu en que os 93 concellos da provincia “teñen unha dependencia inversora e de necesidade de asistencia case exclusiva da Deputación da Coruña”, polo que estes fondos “son unha segunda oportunidade para os concellos pequenos”.

No relativo ás accións levadas a cabo polos socialistas dende a Deputación da Coruña para loitar contra o reto demográfico, “unha liña transversal en todas as nosas accións”, o líder provincial recordou o Plan de Emprego Local e o apoio ao emprendemento, a través da rede provincial de coworkings.

A xornada contou tamén coa participación de José Miñones, Delegado do Goberno en Galicia, e relator do Documento Marco do 40º Congreso Federal do PSOE, onde abordará o ‘Municipalismo e Medio Rural no Socialismo do século XXI’.

 

Algunhas novas relacionadas