O PEL da Deputación da Coruña formou a 115 socorristas, dos que o 98% atoparon emprego

Un total de 27 alumnos e alumnas da provincia da Coruña completan estes días a súa formación oficial como socorristas a través dos cursos teórico-prácticos que oferta a Deputación da Coruña, coa colaboración da Cruz Vermella.

O deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, e a presidenta provincial da Cruz Vermella, Mercedes Casanova, e o vicepresidente da entidade, Andrés Ríos, supervisaron esta mañá na praia de Oza a formación dos alumnos, na que adquiren as destrezas necesarias para intervir e realizar o rescate desde embarcacións acuáticas a motor e motos de auga, en función do análise das condicións do entorno, do accidente que aconteza, do estado da/as vítima/s e do equipo humano e os materiais dispoñibles.

José Ramón Rioboo destacou que, con estes cursos, a Deputación “pretende contribuír a paliar a falta de profesionais titulados coa que se atopan moitos concellos á hora de contratar socorristas cada verán, xa que se trata dunha formación esixente, pouco ofertada e cun elevado custo”.

O deputado de Emprego subliñou tamén a elevada inserción profesional dos alumnos. “O 98% dos 115 socorristas que formamos a través do PEL da Deputación nos últimos anos atoparon emprego en canto remataron os cursos”, afirmou.

A formación, que se desenvolve na cidade da Coruña en dúas quendas de mañá e tarde, permitirá ao alumnado a obtención da dobre titulación obrigada (socorrismo en espazos naturais acuáticos e en instalación deportivas) para traballar nos servizos de salvamento e socorrismo, coa que ademais aumentan as súas oportunidades de traballar durante todo o ano, e non só na tempada de verán.

Os alumnos e alumnas inician a partir de agora a fase de prácticas non laborais nos servizos de socorrismo e salvamento acuático dos concellos da provincia para reincorporase á súa formación no mes de setembro e adquirir tamén a titulación que os acredite como Socorristas en Instalacións Deportivas Acuáticas.

Este programa non só contribúe a facilitar a inserción laboral da mocidade da provincia senón que unha vez formados se converten en alternativa de solución á escaseza de profesionais cualificados coa que se atopan algúns concellos nos últimos anos.

Algunhas novas relacionadas